A comarca de Vigo reutilizou 168 toneladas de téxtil no 2021

Os concellos máis involucrados coa recollida de roupa foron Nigrán con 67 toneladas, Vigo con 56 e Baiona con 28.

Unha traballadora recollendo téxtil usado / Humana

A recollida selectiva de residuo téxtil por parte de Humana Fundación Pueblo para Pueblo permitiu recuperar 168 toneladas de téxtil usado na comarca de Vigo en 2021.

A reutilización do téxtil é clave para a economía circular e a creación de emprego verde, por iso esta organización aposta desde hai 35 anos por dar unha segunda vida ás pezas que non se utilizan.

A entidade sen fin de lucro recuperou 168 toneladas o ano pasado por 166 do exercicio anterior, o que se traduce nun incremento do 1,3%. O residuo téxtil que se deposita nos contedores situados na vía pública equivale a 683.000 pezas que son clasificadas na planta de preparación para a reutilización que Humana ten en Leganés.

“Estamos contentos polo incremento e sobre todo moi agradecidos polas doazóns da cidadanía. Con todo, queda moito camiño por percorrer xa que aínda se recupera pouco residuo téxtil”, afirman desde esta entidade nun comunicado..

“A recollida selectiva ten un gran potencial para garantir unha segunda vida á roupa: o 50% do residuo téxtil pódese reutilizar e máis do 35%, reciclar”, asegura a entidade e insiste: “É importante que se deposite nun contedor de roupa; resulta obvio, pero case o 90% do residuo téxtil non acaba no punto de recollida adecuado”.

A reutilización do téxtil usado contribúe á redución das emisións de CO2: por cada kg de roupa recuperada evítase a emisión de 6,1 kg de CO2, segundo un estudo da Federación Humana People to People. As 168 toneladas recuperadas o ano pasado na comarca de Vigo evitaron a emisión de 1.029 toneladas de CO2 á atmosfera.

Doutra banda, os recursos obtidos coa xestión do residuo téxtil permiten a creación de empregos verdes e financian programas de desenvolvemento nos países do Sur da man de contrapartes ou socios locais.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here