InicioMedio Ambiente e PatrimonioUnha tese alerta do alto risco de sufrir en Galicia a enfermidade...

Unha tese alerta do alto risco de sufrir en Galicia a enfermidade do nematodo do piñeiro

PUBLICADO O

O nematodo da madeira do piñeiro (Bursaphelenchus xylophilus), causante da enfermidade do marchitamento desta árbore, está considerado unha das maiores ameazas para os bosques de piñeiros en todo o mundo.

En países como Portugal, de feito, ten causado xa “graves perdas económicas e ambientais”, como lembra a investigadora María Menéndez, quen constata na súa tese de doutoramento o alto risco de que Galicia se vexa afectada por esta praga.

Na súa investigación, Menéndez avaliou en que grao o nematodo, transmitido por un insecto (Monochamus galloprovincialis) presente na xeografía española, podería afectar a sete especies de piñeiro de “especial importancia en España”, o que lle levou a comprobar como as dúas especies máis importantes en Galicia, o Pinus pinaster e Pinus radiata, son tamén das máis susceptibles a verse afectadas por esta enfermidade.

Desenvolvida no Centro de Investigación Forestal de Lourizán, no marco do programa de doutoramento en Biodiversidade e Ecosistemas da Universidade de Vigo e baixo a dirección da investigadora deste centro Raquel Díaz Vázquez, a tese Resistencia de Pinus pinaster Ait, al marchitamiento del pino causado por Bursaphelenchus xylophilus, que Menéndez defendeu na EE Forestal, pon de relevo o “claro risco de propagación da enfermidade en España se as condicións ambientais son favorables”.

Neste país, o nematodo foi detectado por primeira vez en 2008 e, unha década despois, a súa presenza “limítase a tres focos, todos eles situados nas proximidades da fronteira con Portugal”, país no que, lembra Menéndez, “a pesares das estritas medidas sanitarias que se implementaron nos bosques afectados”, segue a causar unha “mortalidade significativa nos bosques de Pinus pinaster”. 

Análise de sete especies

Aínda que “a principal especie hospedante” do nematodo na península ibérica é o Pinus pinaster, este patóxeno ten sido detectado noutros tipos de piñeiro, o que levou á investigadora a desenvolver un estudo con sete especies de “especial importancia en España”.

Os resultados desta análise sitúan ao Pinus sylvestris como “a especie máis susceptible” de verse afectada por esta enfermidade. Trátase dun dos tipos de piñeiro, xunto co P. pinaster, que “ocupan unha maior superficie” no conxunto da xeografía española, mentres que no caso concreto de Galicia o P. pinaster e o P. radiata constitúen “as coníferas de maior importancia tanto ecolóxica como económica”.

Estas tres especies “poderían resultar gravemente danadas” polo nematodo, xa que foron as que se amosaron “máis susceptibles á enfermidade” nos ensaios de inoculación artificial realizados no invernadoiro, no que o P. sylvestris foi cualificado como “moi susceptible” e as outras dúas como “moderadamente susceptibles”, mentres que outras das especies, como por exemplo, o Pinus canariensis, non amosaron síntomas.

Distintas especies de piñeiro/ Duvi

Por outra banda, o estudo apunta tamén o “posible papel de certos compostos químicos constitutivos como o nitróxeno, polifenois totais e fósforo no xilema nos mecanismos de resistencia ou tolerancia”, do mesmo xeito que se comprobaron os “altos niveles de substancias liposolubles e baixos niveis de manganeso” no Pinus sylvestris, a especie máis afectada, “indicando unha posible relación entre estes compoñentes e a susceptibilidade ao nematodo”, apunta Menéndez.

Máis aló da presenza do nematodo en Portugal, a erradicación deste patóxeno nos focos detectados ata o de agora, un proceso cun custo “moi elevado”, e as consecuencias que isto tivo sobre o sector madereiro das zonas afectadas serven como mostras da importancia de desenvolver estratexias fronte a esta enfermidade.

Entre elas, unha das impulsadas polos principais países afectados “atoparíase a inclusión da resistencia ou tolerancia ao nematodo como un novo rasgo de selección no programa de mellora xenética do Pinus pinaster”.

Isto levouna a desenvolver tamén ensaios de inoculación artificial con diferentes familias da poboación principal do programa de mellora en Galicia.  “Algunhas presentaron alta tolerancia a B. xylophilus, o que suxire que a mellora da resistencia ou tolerancia ao nematodo podería ser unha estratexia de control importante”, salienta a investigadora, que non obstante, tamén observou como a mortalidade causada por esta enfermidade era menor nas árbores máis altas e maior nas que tiñan maior número de pólas, “o que pode indicar que os criterios de selección actuais poderían ir en contra da mellora da resistencia ou tolerancia ao nematodo, se ben isto ten que seguir sendo estudado, pois ata o de agora vese só unha tendencia”.

Así mesmo, a investigación de Menéndez abrangueu tamén unha serie de experimentos realizados durante unha estadía na Universidade de Tokio, destinados a establecer un método para a selección, de entre poboacións afectadas por esta enfermidade, de árbores candidatas para un programa de mellora que incremente a resistencia ao nematodo, método que desenvolveu empregando segmentos da especie asiática Pinus thunbergii.

Os ensaios realizados nun dos países “máis afectados e con maior coñecemento da enfermidade” tiñan nese senso, explica a investigadora, o obxectivo de tratar de establecer “unha metodoloxía rápida e sinxela para a selección de individuos a partir do estudo da migración dos nematodos en segmentos de rama”.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...