As verteduras sen depurar seguen a contaminar a Ría de Vigo

A Plataforma pola defensa da ría de vigo acusa ao Concello de Vigo de permitir esta actividade.

Aliviadoiro da EDAR en Teis / Fonte: Plataforma Pola Defensa da Ría de Vigo - CÍES

A Plataforma Pola Defensa da Ría de Vigo – CÍES denunciou á empresa concesionaria Aqualia por verter líquidos sen depurar botados ás aguas da Ría de Vigo, en concreto, no aliviadoiro da EDAR en Teis e no aliviadoiro do pozo de bombeo da rúa perpendicular á Rúa Coruña de Vigo.

A Plataforma leva anos presentando múltiples denuncias das verteduras de aguas fecais á ría, pero di que o Concello de Vigo non “toma as medidas necesarias para impedir a constante e permanente contaminación das augas da Ría de Vigo”.

Esta situación, defende o colectivo, “pon en risco os postos de traballo de miles de traballadoras do mar, xa que os vertidos sen depurar supoñen a contaminación das augas e da súa calidade”. Ademais, recordan que é necesario denunciar o perigo de consumir productos prexudiciais debido á “mala calidade das augas“.

Por outra banda, acusan á a empresa concesionaria Aqualia de ser a principal responsable de “tales atentados contra o medio natural” e resaltan que o funcionamento depurativo das EDARS da Ría de Vigo é “nefasto”.

Porén, o Concello de Vigo ten “a obriga de facer cumprir as condicións que se esixen para unha boa depuración das augas, de empregar os sistemas de control necesarios e de promover incoación dos expedientes disciplinarios pertinentes para multar as actuacións da empresa“.

PETICIÓNS DA PLATAFORMA

Por todo isto, a Plataforma solicitou ao Concello de Vigo que se estableza o protocolo para que os departamentos municipais competentes “poidan exercer os controis dun xeito efectivo en base a un correcto funcionamento das redes de saneamento, estacións de bombeo e das EDARS”.

Por outra banda, tamén esixen a Aqualia o cumprimento do servizo contratado e, senón, que o Concello de Vigo contemple incoar os expedientes sancionadores que correspondan así coma as demandas legais por incumprimento de contrato.

Ademais diso, a Plataforma propuxo desconectar da rede de saneamento fecal as augas pluviales para diminuír a carga nos colectores de marxe de ría e das estacións de bombeo, e o deseño dun proxecto para un saneamento separativo.

A asociación lamenta profundamente a “irresponsabilidade das institucións” nas que confía a cidadanía e que deben” velar pola saúde do medio ambiente” despois de ter feito o investimento “máis importante ata agora” en materia de depuración como é a EDAR do Lagares.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here