Os sedimentos do Baixo Miño, fundamentais para reconstruír a historia biolóxica e ambiental do último millón de anos

Espesa sucesión de depósitos (máis de 15 metros de espesor) nunha das terrazas fluviais do río Miño (Salvaterra de Miño). Fonte: Eduardo Méndez

A revista Quaternary International publicou recentemente un estudo liderado polo investigador do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo Eduardo Méndez no que se recolle a secuencia sedimentaria cuaternaria “máis completa de Galicia”, protagonizada polas terrazas fluviais da conca baixa do río Miño. A investigación, detalla o seu coordinador, “sinala a existencia dun importante rexistro sedimentario, que abrangue, cando menos, o último millón de anos, no que é un rexistro único a escala galega”, tal e como recolle a web Historia de Galicia.

Segundo comenta o investigador do GEAAT, estes sedimentos “organízanse en terrazas fluviais, que non son outra cousa que as antigas beiras do río Miño penduradas ao longo dos laterais do val, desde as máis altas e antigas ata más máis baixa e recentes”. Estas formas xeolóxicas, engade, “son o resultado de diferentes procesos xeolóxicos (cambios no nivel do mar, levantamento da cortiza terrestres…) e no artigo preséntase a súa cartografía en detalle, a súa caracterización sedimentaria e un modelo cronolóxico baseado no desenvolvemento dun ambicioso e novidoso programa de datacións numéricas”.

Esta secuencia de terrazas fluviais da conca baixa do río Miño, subliña Méndez Quintas, “é polo tanto a secuencia sedimentaria máis completa de Galicia, e en xeral do todo o noroeste peninsular, para reconstruír a historia biolóxica e ambiental do último millón de anos”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here