2017 foi o ano de maiores perdas por incendios forestais na historia: 18.000 millóns de euros

A Escola de Enxeñería Forestal da Universidade de Vigo está a elaborar unha cartografía dos incendios de outubro de 2017 na provincia de Pontevedra.

Incendio fornelos de montes ,rebaño de cabras
Unha muller leva ás súas cabras polos montes queimados de Fornelos despois dos incendios de outubro / Miguel Núñez

O pasado ano foi o máis afectado polos lumes a nivel global na historia documentada, polo que faise necesario tomar medidas e realizar estudos científicos para entender mellor como podemos evitar que se repitan os incendios, ou lograr minimizalos.

Deste xeito, partindo das fotografías aéreas que achega a constelación de satélites Sentinel, do programa da Axencia Espacial Europea Copernicus, investigadores da Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo realizaron unha cartografía das zonas afectadas pola vaga de lumes de outubro de 2017 na provincia de Pontevedra que servirá como “documento de base” no traballo que, ao abeiro do convenio asinado entre a Universidade de Vigo e a Deputación Provincial, levará a un panel de expertos de diferentes países a definir unha serie de directrices e recomendacións para a prevención dos lumes e mitigación das súas consecuencias.

lume incendios lapas e fume
Un home retrocede ante a agresividade das lapas/ Miguel Núñez

Esta cartografía, froito do traballo realizado pola profesora da EE Forestal Julia Armesto e a egresada Laura Alonso, foi presentada este xoves no Pazo Provincial nunha rolda de prensa na que o director deste centro e coordinador deste proxecto, Juan Picos, deu conta do “estado actual dos traballos que estamos a facer”, ao abeiro dun convenio que tiña por obxecto “facer fronte de forma rigorosa” a un dos “maiores problemas que temos na nosa comunidade e na provincia”, como engadiu a presidenta da Deputación, Carmela Silva.

“É o documento base que vai permitir despois traballar en cada área concreta”, engadiu o vicepresidente provincial, César Mosquera, respecto dunha información cartográfica que “constitúe unha ferramenta potentísima” á hora, por exemplo, de realizar simulacións de como podería comportarse un lume en función de diferentes episodios climatolóxicos.

Estrada invadida polo fume e o lume perto de Fornelos De Montes
Dos vehículos circulan pola estrada entre Redondela e Fornelos de Montes rodeados polo fume e o lume nos incendios de outubro / Miguel Núñez

“Exportamos esta fotografía nunha ferramenta de Google Earth, o que nos dá unha interfaz moi cómoda para poder traballar no campo”, explicou Picos dunha ferramenta que permite analizar “cunha grande escala de detalle” que aconteceu cun determinado incendio, como afectou a núcleos urbanos, que áreas de vexetación se viron máis ou menos afectadas…, “entender os patróns do lume”.

De feito, esta presentación contou tamén coa participación de Eduard Plana, investigador do Centre Tecnològic Forestal de Catalunya, e do coordinador do Máster en Incendios Forestales da Universitat de Lleida, Domingo Modina, dous dos expertos participantes neste proxecto que realizaron nos últimos días diferentes saídas de campo para avaliar os efectos dos lumes de outubro.

Sen “solucións máxicas” fronte a un problema complexo

A ferramenta máis importante para enfrontarse aos lumes forestais do século XXI é a modestia”, subliñou Picos, que incidiu en que “estamos intentando resolver problemas complexos nun territorio complexo”, polo que “non hai unha solución máxica”.

monte Queimado As Neves .
Un paisano de As Neves camiña co seu can polo monte queimado/ Miguel Núñez

Nese senso, esta información cartográfica está a ser empregada neste proxecto para “intentar analizar todos os factores e relacionalos entre si”. Neste punto, o director da EE Forestal puxo o acento na importancia de “non ver só o que arde, senón como arde” e ter en conta “o que chamamos a severidade dos lumes”, a medición da intensidade que alcanzan os incendios, xa que “ás veces a prevención” pasará non por reducir o número de hectáreas afectadas senón a intensidade en que se viron afectadas.

De feito, Picos achegou a esta presentación unha serie de datos que amosan que 2017 “foi o ano desde que hai rexistros con maiores perdas por incendios forestais a nivel global”, cifradas en 18.000 millóns de euros polo Swiss Re Institute. “Son parte dunha tendencia global que ten que ver co cambio climático e que estamos obrigados a intentar entender internacionalmente”, engadiu o coordinador dun proxecto que partindo desa idea reúne expertos de diferentes países.

Lume rapaces o apagan.
Dous rapaces extinguen o lume nunha carballeira preto das casas/ Miguel Núñez

Nese senso, un dos aspectos centrais do traballo pasará pola identificación e a análise de “puntos críticos”, daquelas zonas nas que “o lume acelérase e queda fóra da capacidade dos medios de extinción”, no marco dunha investigación, que, recalcou, implicará o estudo de múltiples factores.

Por exemplo, esta cartografía permite comparar as zonas queimadas coas faixas de protección de biomasa fixadas pola lexislación, ou tamén a incidencia dos lumes en diferentes tipos de propiedade, que no caso de 2017 foron de maior severidade nas de maior dimensión.

Alejandro Martínez, presidente da cooperativa do requeixón das Neves / Miguel Núñez.
Alejandro Martínez, presidente da cooperativa do requeixón das Neves, observa os devastadores efectos do lume tras a vaga de incendios que asolou Galicia en outubro de 2017 / Miguel Núñez.

Así mesmo, Picos tamén abordou os efectos que estes lumes tiveron sobre bens de importancia patrimonial, como petróglifos ou mámoas, xa que máis de cen lugares catalogados foron afectados por esta vaga de lumes, o que leva a asumir “que ás veces non só imos ter que buscar prevención sobre zonas habitadas”.

Os grandes lumes teñen memoria

A comparación desta información cartográfica coas das zonas afectadas nas vagas de lumes de 2005 e 2006 permitiron así mesmo comprobar como “os lumes teñen memoria” e como as zonas afectadas por lumes de alta severidade no pasado se amosan máis propensas a volver padecelos nun futuro, “porque se produce homoxeneización do territorio ou porque xeran certo abandono das actividades tradicionais”.

Nese senso, unha das mensaxes que quixo trasladar e que a prevención parte en boa medida de “intentar entender o que pasou”, xa que “cada incendio é un libro aberto” do que extraer unha serie de conclusións.

Lume paixase desolador despois dos incendios
Despois dos incendios, unha paisaxe desoladora/ Miguel Nuñez

“Atender a emerxencia é inmediato, pero cambiar o territorio para o futuro é un traballo que vai levar décadas, que hai que facer ben e que hai que facer constantemente”, engadiu nese senso o director da EE Forestal, que neste punto adiantou algunhas das liñas de traballo xa detectadas no proxecto e que pasan por aspectos como esa identificación de puntos críticos ou por poñer o acento nunha planificación que debe abordarse nunha escala superior á municipal.

“Hai que ser conscientes de que ás veces para protexer un concello, os traballos teñen que facerse noutro”, sinalou Picos, que incidiu tamén na importancia da “profesionalización e tecnificación” dos profesionais para facer fronte a este novo tipo de lumes, así como “axudar á xente a autoprotexerse” ante episodios deste tipo.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here