Advirten á Xunta e as navieiras que non poden ampliar a tempada alta nas Cíes como pretenden

A Sociedade Galega de Historia Natural avisa de que "non se pode beneficiar a unhas navieiras privadas en detrimento do interese de conservación e mellora do patrimonio natural colectivo" e avisa da obriga de cumprir o Plan Reitor de Uso e Xestión do Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Naviera mar de Ons
Turistas a Cíes / © Miguel Núñez.

A reunión mantida entre a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, cos representantes das navieiras encargadas do transporte regular de visitantes ás Illas Atlánticas, na que lles propuxeron alongar a tempada alta no conxunto do Parque Nacional ata o 15 de outubro, conta co rexeitamento frontal da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN).

A SGHN ven de reclamar á Consellería de Medio Ambiente que cumpra e faga cumprir o Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX) do Parque Nacional e, polo tanto, non modifique nin solicite ao Goberno central a modificación do periodo de tempada alta.

“Non se pode beneficiar a unhas navieiras privadas en detrimento do interese de conservación e mellora do patrimonio natural colectivo, cun risco de causar un desequilibrio ecolóxico ou unha afección significativa sobre os compoñentes da biodiversidade”, advirte a SGHN.

Esta asociación lembra ás navieiras e á Xunta que “teñen que obedecer”  o “Decreto 177/2018, do 27 de decembro, polo que se aproba o Plan reitor de uso e xestión do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia”, no que se establece que a tempada alta é “o período transcorrido desde o 15 de maio ata o 15 de setembro (ambos os dous incluídos), así como a Semana Santa”.

Tamén recorda que o PRUX indica que de acordo co estudo de capacidade de carga efectuado no parque nacional, os limiares establecidos garanten un uso racional e sustentable do patrimonio natural, sen causar un desequilibrio ecolóxico nin unha afección significativa sobre os compoñentes da biodiversidade”, e que “o Plan reitor de uso e xestión do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia terá una vixencia de 10 anos” que só “poderá ser revisado con anterioridade ao seu vencemento, por iniciativa da consellería competente en materia de conservación do patrimonio natural […] cando se produzan episodios ambientais imprevistos de orixe natural ou antrópica que afecten á integridade do medio e desborden as medidas previstas no presente plan reitor”.

“Polo tanto, a modificación ou revisión do PRUXterá que facerse por medio dun novo PRUX e o único motivo previsto para facelo con anterioridade ao seu vencemento non contempla en absoluto que poida ser para ‘para compensar as perdas das navieiras’ que, ademais, no verán de 2017 estiveron implicadas nun escandalosa sobrevenda de billetes respecto aos cupos autorizados”, argúe a SGHN.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here