Queres participar na primeira “brigada deseucaliptizadora” do Morrazo?

A Comunidade de Montes de Darbo ofrecerá ó rematar a xornada un pequeno albaroque para as persoas voluntarias que veñan de fóra do Morraz

Novos eucaliptos nas veiras dun camiño rural / © Miguel Nuñez

Comunidade de Montes Veciñais de Darbo, en Cangas, en colaboración coas Brigadas Deseucaliptizadoras de Verdegaia, convocan a primeira brigada deseucaliptizadora no Morrazo o domingo 9 de febreiro.

“Imos arrincar brotes de eucaliptos nos montes de San Roque, tras a corta feita no ano 2018; algúns pódense arrincar a man directamente e para a maior parte precisaremos machadas” aseguran desde Verdegaia nun comunicado de prensa.

O lugar de encontro será a capela de San Roque desde as 9:30h ás 13:30h. Para participar nesta actividade, é necesario estar dado de alta coma brigadista (até o 5 de febreiro). Recomendan levar luvas e calzado cómodo para traballar no monte.

“As accións das Brigadas deseucaliptizadoras, con un non menos importante sentido de confraternidade e comunidade, articúlanse por volta dos conceptos tradicionais de roga (chamada ao traballo en común) e albaroque (xantar comunal de agradecemento ás voluntarias)” sinalan no mesmo comunicado. A Comunidade de Montes de Darbo ofrecerá ó rematar a xornada un pequeno albaroque para as persoas voluntarias que veñan de fóra do Morrazo, “inclúe opción vexetariana para as persoas que se anoten nesa opción. Haberá garrafas grandes de auga, pero para aforrar envases invitamos a que cada persoa traia da casa a súa garrafa, que poderá reencher coas nosas” sinalan.

Logo das últimas grandes vagas de incendios, “co terror de tantos poboadores do rural que cada ano vemos como o lume avanza e xa asedia as propias vivendas, creceu a conciencia do problema entre moitas persoas veciñas” explican. “Queremos convidar a todas as veciñas do Morrazo, Galiza e Portugal da que supón a principal ruína dos nosos montes e bosques” conclúen

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here