InicioMedio Ambiente e PatrimonioChandebrito, o pobo que conseguiu renacer do inferno

Chandebrito, o pobo que conseguiu renacer do inferno

Chamáronlle o quilómetro 0 da tráxica vaga incendiaria de 2017 e foi portada de informativos e xornais de medio mundo. Pero ese pobo da montaña de Nigrán quere fuxir dos focos televisivos. "Só se acordaron de nós para dar espectáculo", lembran os veciños. Queren pasar páxina e refacer unha vida que se quueimou entre piñeiros e eucaliptos.

PUBLICADO O

Hai xusto dous anos, Chandebrito era un inferno. Un inferno de lume, fume e terror, como en boa parte de Galicia, especialmente o sur de Pontevedra, que ardía polos catro recunchos. Pasaron xa 24 meses e os veciños desa pequena parroquia chantada nos montes de Nigrán non esquecen. Alí morreron as dúas primeiras vítimas dunha vaga de lumes que calcinou case 60.000 hectáreas en cinco días na que tamén perderon a vida outras dúas persoas.

Dous anos despois son moitos os veciños de Chandebrito que non quitaron, aínda, o medo do corpo, como Julio Rodriguez. El foi dos que non puido fuxir e quedou atrapado, rodeado polo lume. “O fume era tan espeso que non se via máis alá de dous pasos”, rememora.

A AXUDA COLECTIVA

camposanto de chandebrito © Miguel Nuñez

Os veciños que decidiron ficar e mais os que non puideron fuxir corrían dunha leira a outra, dunha casa a outra, tentado apagar as lapas para que non devoraran o lugar. Esa axuda colectiva e carraxe que aparece en momentos extremos, como tamén aconteceu co afundimento do Prestige, foi o que evitou que Chandebrito fora consumido polo lume. Foi esa forza de vontade e firmeza por salvar o seu o que conseguiu que seguiran con vida.

Marcos Dominguez, outro dos veciños atrapados, lembra que facía tanto calor que as persianas de plástico derretían coa calor. Pero o que lembra aínda con tensión e pavor era a dificultade que había para poder respirar. Tiñan que tapar a cara con panos húmedos e botar auga nos ollos para evitar o escozor. “Aquilo era o inferno e non había saída”, lembra.

O lume pasou, pero non a raiba, o medo e a lembranza das vidas e dos enseres perdidos. Un día despois unha máquina pasou a limpar as cunetas cando xa todo estaba ardido. En Chandebrito lembran que só pasou a máquina dúas veces; o día que Pedro Sanchez visitou a zona e cando o presentador Jesús Calleja chegou en helicóptero.

“O único que cambiou de verdade en Chandebrito é que saímos máis na televisión”, di con retranca Marcos, “Darco”, como lle chaman os seus amigos. Do resto, da limpeza e recuperación dos montes, aínda queda moito por facer dous anos despois. “E logo falan de prevención e aquí os piñeiros caen sobre as estradas e camiños porque non se cortaron e temos que andar dando rodeos ata que un tractor vai tronzalo”, di cabreado.

“A PESTE” DO EUCALIPTO

Leiras en chandebrito © Miguel Nuñez

Tampouco cambiou moito a paisaxe do monte. Se antes había piñeiro e eucalipto, agora esta especie é a dona e señora de parte da paisaxe grazas a súa facilidade para brotar; está inzando os eidos queimados. “É unha praga. Medran nas fincas particulares e ninguén se fai cargo deles”, apunta Marcos. Da mesma opinión é María, que cualifica de “peste”  esta árbore orixinaria de Australia. “Na zonas onde había carballos e castiñeiros non ardeu como noutras onde estaba o eucalipto”, destaca.

Con todo, o lume serviu para que a xente tome máis conciencia da perigosidade deste tipo de especies arbóreas e, por iso, creouse, en terreos comunais, un parque forestal de 200 hectareas con castiñeiros, acivros carballos e outras especies autóctonas. Un parque no que hai, ademais, varias estatuas que lembran as vítimas e aos veciños de Chandebrito.

Chandebrito, unha aldea que dous anos despois só quere esquecer, aprender da traxedia e revivir. Non quere ser, novamente, o centro das televisións de todo o Estado. O espectáculo queda para outros. Eles aínda están renacendo do seu inferno.

(Galería) Así está Chandebrito: de plató televisivo a lugar de memoria

ÚLTIMAS

Estudantes de Vigo e Monforte álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

O BNG promete ser “a primeira liña de defensa” de Vigo no Parlamento galego, fronte ao “abandono” da Xunta

O BNG trasladou este venres o seu compromiso de ser "a primeira liña de...

O TSXG confirma a sentenza dun xulgado de Vigo que declaraba legal a prórroga do servizo municipal de auga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza ditada en 2022...