A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou obras de mellora nas Estacións Depuradoras de Augas Residuais (EDAR) dos concellos coruñeses de Laxe e Camariñas, así como do municipio pontevedrés de Baiona, cun investimento autonómico de case 140.000 euros.
Estas actuacións, que dispoñen dun prazo de execución de tres meses, foron adxudicadas á empresa Soil Tratamentos de Augas Industriais, no caso das dúas localidades coruñesas, mentres que as obras en Baiona levaraas a cabo Copasa.
A intervención en Baiona permitirá a realización de tarefas de mantemento e conservación destas instalacións e a mellora telemática na xestión dos tratamentos de augas residuais. Alí gastaranse máis de 48.000 euros.
“Cabe sinalar que estas infraestruturas son explotadas pola Xunta, a través de Augas de Galicia, que apoia ás administracións locais no desenvolvemento das súas competencias de prestación do servizo municipal de tratamento de augas residuais”, subliñou o Goberno galego.