Pontevedra é a provincia onde máis diminuíron as choivas en catro décadas en España

Un experto critica as políticas adoptadas para tentar paliar os efectos da falta de choivas e cualifica o galego como un “exemplo claro de mala adaptación á seca e ao cambio climático” no subministro e consumo de auga. “Galicia é máis vulnerable ás secas que outras rexións con menos precipitacións”, afirma.

Seca.

INFORMACIÓN COMPLETA, EN GALICIA CONFIDENCIAL

As últimas secas en Galicia acenderon a alarma. Entre 1981 e 2018, as precipitacións aquí minguaron notablemente, cunha taxa de variación de -1,54, a maior en toda España. Son datos do informe ‘Evolución de las precipitaciones en España’, con datos da Agencia Estatal de Meteorología (AEMET), publicado polo Observatorio de la Sostenibilidad. Pontevedra é a provincia onde máis caeu a taxa de precipitacións en todo o Estado, un -2,11, e as catro provincias galegas sitúanse entre as seis que máis viron reducirse as choivas nos últimos 38 anos.

Entre 2016 e 2018, Galicia viviu episodios de seca alarmantes que fixeron activar protocolos de actuación para mitigar o seu impacto. Segundo os datos recollidos polo profesor Álvaro Francisco Morote Seguido, do Departamento de Didáctica das Ciencias Experimentais e Sociales da Universitat de València, a redución de precipitacións en Galicia neste período “foi ao redor de 500 mm (un descenso do 28-49%, en función do observatorio)”, pero co paradoxo de que “os principais problemas se rexistraron xustamente en áreas onde esa redución foi menor”.

O profesor vén de publicar un traballo no que analiza os efectos das secas, a súa mitigación e a vulnerabilidade fronte a este risco na Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa. Para isto, fixo unha revisión das pasadas secas na área, a consulta e análise da planificación hidrolóxica e unha valoración das fases e medidas implementadas durante a seca entre 2016 e principios de 2018.

Malia que o novo escenario levou a un “notable avance na mitigación dos efectos das secas en Galicia-Costa, con todo, diferentes problemas estruturais como a falta de infraestruturas, mantemento e deficiencia dos abastecementos, entre outros, fan que esta rexión sexa máis vulnerable ás secas que outras rexións cunha menor precipitación e, todo iso, sumado aos posibles efectos futuros do cambio climático”, engade Morote.

O experto insiste nesa idea, ao cualificar Galicia como un “territorio vulnerable e un exemplo claro de mala adaptación á seca e ao cambio climático”.

Galicia, comenta, “enfróntase a un reto a medio prazo para lograr ser un territorio máis  resiliente ao cambio climático, feito que xa se constatou durante a última década cun maior número de anos secos e unha redución da precipitación media”.

O investigador recorda que “en territorios de clima atlántico, como é o caso da área de estudo, unha redución de 150 mm/ano considérase «ano seco» (unha diminución do 20%)”. Pois ben, “a magnitude de redución da pasada seca en Galicia indica que a diminución global de precipitacións foi duns 500 mm (ano 2017), o que pon de manifesto que se tratou dunha das peores secas dos últimos cen anos”, salienta.

INFORMACIÓN COMPLETA, EN GALICIA CONFIDENCIAL

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here