InicioMedio Ambiente e PatrimonioA UVigo lidera dous proxectos europeos para valorizar as augas residuais das...

A UVigo lidera dous proxectos europeos para valorizar as augas residuais das conserveiras e mellorar os cultivos

Pretende fomentar un modelo de economía "circular innovadora" que "minimiza o impacto ambiental nas canles naturais e aproveita os recursos mariños".

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Universidade de Vigo (UVigo) e a Fundación Centro Galego De Investigacións Da auga (Cetaqua) lideran dous proxectos europeos aos que se destinan un total de oito millóns de euros. Un deles, denominado ‘Conserval’, ten o obxectivo de valorizar os subproductos e augas residuais da industria conserveira de Galicia e do norte de Portugal.

O segundo, que recibe o nome de ‘Soildiveragro‘, busca implementar novas prácticas de xestión e sistemas de cultivo para mellorar a biodiversidade do chan agrícola. En ambos os proxectos participa tamén a Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga), segundo informa esta mesma entidade.

Por unha banda, o proxecto ‘Conserval’, financiado no marco do Programa Interreg V-A España-Portugal 2014-2020, tentará desenvolver tecnoloxías para valorizar subproductos e augas residuais do sector conserveiro entre Galicia e o norte do país veciño. Desenvolverase ata decembro de 2021 e contará cun orzamento de case un millón de euros –conta con fondos europeos–.

Esta iniciativa pretende transformar as correntes sólidas e líquidas dos procesos das conserveiras en produtos de maior valor engadido e con alto potencial de negocio –como aceites de peixe con elevado contido en Omega 3, por exemplo–.

Deste xeito, destaca Feuga, “contribuirase ao crecemento económico da rexión dun modo sustentable”, xa que se fomenta un modelo de economía “circular innovadora” que “minimiza o impacto ambiental nas canles naturais e aproveita os recursos mariños”.

A sede de Cetaqua Galicia, en Santiago, acollerá este mércores unha reunión para lanzar este proxecto. Participarán Feuga, a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Peixes e Mariscos (Anfaco-Cecopesca), a Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Universidade do Porto e a Asociación de Fabricantes de Conservas de Peixes de Portugal (ANICP).

‘SOILDIVERAGRO’

Por outra banda, ‘Soildiveragro’ buscará adoptar novas prácticas nos cultivos que melloren a biodiversidade do chan e reducir o uso de produtos externos como fertilizantes, entre outros, para aumentar a produción e a calidade das colleitas, a prestación de servizos ecosistémicos e a sustentabilidade da agricultura europea.

Para lograr este obxectivo, analizaranse 90 sistemas agrícolas en nove rexións de Europa e deseñaranse 15 estudos de campo en seis destas zonas. A estratexia basearase en promocionar as interrelacións entre distintos axentes que forman a cadea de valor.

A sede de Feuga en Santiago acollerá, tamén este mércores, unha reunión con todos os socios do proxecto. ‘Soildiveragro’ está financiado polo programa europeo ‘Horizonte 2020’, ten un orzamento de sete millóns de euros e está coordinado pola UVigo. Participan nel un total de 22 socios de España, Finlandia, Bélxica, Alemaña, Estonia, Dinamarca e República Checa.

ÚLTIMAS

Detido en República Dominicana un home condenado por violar e gravar a unha moza en Vigo tras fuxir de España

A Policía Nacional de República Dominicana detivo nas últimas horas a Miguel Ángel Wilson, de...

Traballadoras de Protección e Reforma de Menores concéntranse ante a delegación da Xunta para reclamar condicións laborais dignas

Traballadoras do servizo de Protección e Reforma de Menores concentráronse este martes, convocadas polo...

Renuncia por motivos de saúde o concelleiro de Educación, Deportes e Mocidade de Redondela, Iván Valles

O concelleiro socialista do Concello de Redondela, Iván Valles, presentou a renuncia ao seu cargo...

Sogama acusa a Caballero de mentir sobre a subida do canon do lixo

O presidente de Sogama, Javier Domínguez Liño, acusou este luns ao alcalde de Vigo,...