Científicos sinalan as bateas como fonte de micropásticos que contaminan as rías

Un estudo identifica partículas de plásticos nas bólas formadas por restos de alimentos non dixeridos e regurxitados polos corvos mariños cristados da colonia de Ons. Os investigadores cren que os restos de nailon e poliéster atopados proveñen dos aparellos utilizados no cultivo de mexillón.

Bateas na ría de Vigo / @ Miguel Núñez.

Investigadores do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo publicaron recentemente os resultados dun estudo no que analizaron a presenza de microplásticos en aves mariñas, concretamente, na colonia de cría de corvos mariños cristados na illa de Ons, que forma parte do Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia. Trataríase, polo que coñecen estes científicos, do “primeiro estudo que examina a presenza de refugallos en aves mariñas no noroeste da Península Ibérica”.

No estudo foron analizadas as bólas formadas por restos de alimentos non dixeridos e regurxitados polas aves, coñecidas como egagrópilas. Nunha mostra de 41 bolas inxeridas e devoltas polos corvos mariños cristados, os científicos atoparon fibras microplásticas no 63% dos gránulos vomitados por estas aves, “o que suxire que este tipo de contaminación plástica prevalece na área de estudo”, salientan.

As fibras de nailon foron as partículas plásticas máis abundantes nas egagrópilas, seguidas do poliéster

En total, atopáronse 69 partículas de plástico en 26 dos 41 gránulos analizados, todas elas de menos de un milímetro de diámetro). No 67% dos casos púidose identificar o tipo de fibra, que inclúe  poliéster, raión, nailon e un copolímero de etileno e  acetato de vinilo (etilvinilacetato). No caso do raión, trátase dun “material semisintético non plástico que probablemente se introduciu no medio mariño a través de augas residuais”, aclaran os investigadores, en base a outros estudos previos.

As fibras de nailon foron as partículas plásticas máis abundantes, representando o 63% do total identificado, seguidas do poliéster. Porén, as partículas máis grandes corresponderon ao etilvinilacetato.

Tamén se comprobou que hai maior presenza de microplásticos nas egagrópilas con restos de peixes bentónicos, é dicir, naqueles que habitan nos fondos mariños. Isto probaría que existen distintos niveis de contaminación por plásticos no mar, sendo o fondo onde máis cantidade se acumula, mesturándose cos sedimentos mariños.

USO DE PLÁSTICOS NAS BATEAS

Pero de onde proveñen esas partículas de plástico? A hipótese que manexan os científicos é que parte deles proceden dos aparellos que se utilizan nas bateas para o cultivo do mexillón.

“Os plásticos (incluído o nailon) utilizados no cultivo de mexillón poden ser unha fonte importante de liberación de microplásticos”

O certo é que o uso do plástico está moi estendido nas bateas, xa que, por exemplo, o poliéster se utiliza para recubrir os flotadores de aceiro que soportan estas estruturas, e da armazón de madeira cólganse cordas de nailon de tres centímetros de grosor e de dez a doce metros de longo, onde se engorda o mexillón. En cada corda colócanse barras de plástico –cada vez máis común, fronte as de madeira– de 20-30 centímetros, para evitar que a semente de desprenda polo seu propio peso cando creza.

“Os plásticos (incluído o nailon) utilizados para colgar cordas e outras actividades relacionadas co cultivo de mexillón poden ser unha fonte importante de liberación de microplásticos ao ambiente mariño, pero non se dispón de estimacións cuantitativas”, explican os autores do estudo.

O que si saben a ciencia certa é que o corvo mariño cristado se alimenta durante a época de reprodución nun radio de 20 quilómetros ao redor das colonias de reprodución, neste caso, a illa de Ons. E que nesta área, estas aves mergulladoras capturan especies bentónicas nos fondos, baixo as bateas situadas na área exterior da ría de Pontevedra.

As egagrópilas dos corvos mariños “poden ser útiles para controlar a contaminación microplástica nas augas costeiras”

Por todo isto, consideran que “a industria pesqueira pode ser responsable da liberación de grandes cantidades de plásticos no medio mariño”, xa que os materiais atopados nas egagrópilas dos corvos mariños cristados “son utilizados comunmente” no sector do mar. De feito, refírense a estudos previos que demostraron que “as augas galegas soportan un gran número de actividades pesqueiras e os residuos deste sector representan a maior parte do lixo que se atopa nas praias galegas”.

Os investigadores subliñan, por último, que os seus resultados suxiren que as egagrópilas dos corvos mariños cristados “poden ser útiles para controlar a contaminación microplástica nas augas costeiras”, xa que poden ser un indicador da abundancia de residuos plásticos a escala local e indicar distintos niveis de contaminación no mar e nas especies. Por outro lado, valoran que a metodoloxía aplicada neste estudo pode ser o camiño axeitado para examinar os plásticos inxeridos polas aves mariñas, ao tratarse dun método non invasivo.

O estudo, titulado ‘The use of European shag pellets as indicators of microplastic fibers in the marine environment’, publicouse na revista científica Marine Pollution Bulletin e está asinado por Gema Álvarez, Álvaro Barros e Alberto Velando.

Máis información en Galicia Confidencial.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here