Chini, a cadeliña desnutrida e maltratada en Soutomaior que acabou en Oleiros

Cans maltratados atopados nunha finca de Soutomaior onde estaba Chini / SEPRONA

Chini, unha das cadelas desnutridas atopadas nunha incautación en Soutomaior en xuño do pasado ano 2017 e que fora trasladada ao Centro de Acollida e Protección Animal (CAAN) da Deputación de Pontevedra, vén de atopar unha nova familia grazas á colaboración da asociación protectora Adopciones Galicia co centro da  Armenteira. A cadela marchará para o concello de Oleiros onde a espera unha nova etapa na que, deixando atrás a súa historia de maltrato, convivirá con outras dúas cadelas adoptadas polos seus donos noutras protectoras coruñesas.

A historia de Chini e dos 14 animais que estaban con ela conmoveu a todo o que a escoitou hai un ano: vívía nun estado lamentable con pésimas condicións hixiénico-sanitarias nunha finca de Soutomaior. Alí tamén se atoparon os cadáveres doutros tres cans. As forzas de seguridade tiveron que intervir pola situación e detiveron ao seu propietario, un home de 42 anos que foi acusado dun delito continuado de maltrato animal. Todos os cans foron trasladados ao CAAN da Armenteira e, pouco a pouco, foron atopando novas familias. Chini foi a última que quedou no centro e Adopciones Galicia involucrouse na busca dunha familia para ela dende o mes de xaneiro.

UNHA TRISTE HISTORIA

Ao CAAN Chini chegara con sarna e moi delgada debido á súa mala alimentación e estado de abandono. De feito, como consecuencia diso, fáltanlle case todos os dentes, o que dificultou a determinación da súa idade, que se calculou ao redor de seis anos. Administróuselle un tratamento para a curación da sarna durante oito semanas, un complexo vitamínico e alimenticio para a recuperación do seu estado corporal e nestes momentos xa come normalmente.

Chini coa súa nova dona en Oleiros / Deputación de Pontevedra

A cadela tamén presenta anoftalmía (non ten ollo) do lado dereito, pero non lle supón ningún problema para facer a súa vida normalmente. O seu comportamento no centro con outros cans sempre foi bo e, segundo explica un dos veterinarios de Tragsa, “é un pouco protectora co comida pero non lle impide a convivencia coas súas compañeiras de canil”. No CAAN tamén se lle fixo cirurxía de castración, vacinouse, desparasitouse e entregarase aos seus novos donos identificada con microchip de forma gratuíta.

E PORQUE MARCHA PARA OLEIROS?

E, como é que unha familia de Oleiros coñece a historia de Chini? Pois neste caso grazas á intermediación de Adopciones Galicia, que difundiu a situación da cadela a través das súas redes sociais, segundo explica a secretaria da asociación protectora, María del Carmen de Saa Puig. “Nós difundimos xuntas as historias de Chini e de Linda –as últimas cadelas de Soutomaior que estaban no CAAN-. Buscabamos que foran xuntas porque tiñan un pasado común, pero non foi posible porque as adopcións conxuntas son complicadas, e Linda saíu do CAAN hai tres semanas”, conta De Saa, quen destaca que o feito de que Chini non teña un dos seus ollos dificulta o atopar unha familia, “pero ao final conseguímolo”, felicítase.

De feito, na mañá de hoxe María del Carmen recolleu a Chini no CAAN da Armenteira e esta tarde entregaralla á súa nova familia, que reúnen os requisitos para seren adoptantes axeitados para a cadela e que “sabemos está moi ilusionadas”.  “Falamos con eles todos os días e non lles dá chegado o día de vila buscar. Incluso nos dixeron que esta noite non durmiran”, explica a representante de Adopciones Galicia, quen lembra o positivo que é para cans do perfil de Chini atopar un fogar no que volver recuperar “a confianza nos humanos” e deixar atrás a anterior vida de maltrato que levaron, tanto físico como psicolóxico.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here