InicioMedio Ambiente e PatrimonioRodas, a praia máis famosa das Cíes, retrocedeu máis de 30 metros...

Rodas, a praia máis famosa das Cíes, retrocedeu máis de 30 metros nas últimas seis décadas

Unha investigación alerta dos efectos negativos que tivo a acción humana sobre a evolución deste paradisíaco areal. A extracción de áridos para a construción na década de 1960, a ampliación do peirao en 2010 e a turistificación das Cíes foron determinantes na perda da liña de costa, xunto coa acción do mar e do vento.

PUBLICADO O

Rodas, nas Illas Cíes, foi declarada en 2007 a mellor praia do mundo, segundo o prestixioso diario inglés The Guardian. Pero o areal non é o que era hai seis décadas. Entre 1956 e 2017, a liña de costa –liña na superficie que define o límite entre o mar e a terra firme– retrocedeu máis de 30 metros. Así o conclúe un estudo, que alerta dos efectos negativos que pode ter nos sedimentos o desembarco de visitantes, xunto coa acción do mar e do vento.

O traballo –asinado por científicos da Universidade de Santiago dos departamentos de Edafoloxía e Química Agrícola, e Xeografía, e do Laboratorio de Tecnoloxía Ambiental–, mostra evidencias da regresión que sufriu este areal nas últimas décadas, especialmente intensa entre 1956 e 1981, un período no que ocorreron os eventos erosivos máis importantes, cando o sistema retrocedeu máis de 30 metros, en parte como resultado da intensiva extracción de áridos que se fixo para o sector da construcción, dado o seu gran contido en cuarzo.

Os datos indican un retroceso medio de 33,24 metros en 61 anos, sendo máis intenso no período 1956-1981, cando se extraeu grande cantidade de area para a construción

Na última década tamén se observou un importante retroceso. Os investigadores constataron que se produciron diferentes fases de erosión e acrecentamento antes da reforma do peirao de Rodas, en 2010. Pero a partir dese ano, e até 2017 (último ano analizado), o sistema experimentou cambios importantes, especialmente na área norte (onde se atopa precisamente a zona de desembarque), producíndose unha severa erosión no sistema, cunha regresión de 14,14 metros.

A análise de todo o período de estudo (61 anos) revelou un retroceso neto da liña de costa en todo o sistema, coa menor erosión no sector central da praia de Rodas. Os datos suxiren que as taxas medias de erosión foron de aproximadamente 0,37 a 0,43 metros por ano, pero é probable que a praia experimentase eventos de erosión máis rápidos, interrompidos por fases sedimentarias compensatorias.

Entre 1956 e 2017, a variación total superou os 30 metros; en concreto, os datos indican un movemento neto da costa de 33,24 metros de media menos, no total da área analizada, sendo o norte o máis afectado (-36,97 metros), seguido polo sur (-31,72) e o central (-30,89).

Os científicos examinaron imaxes aéreas e ortofotografías da zona de estudo para identificar eses cambios que se produciron nas últimas seis décadas.

Tamén realizaron unha análise LiDAR (Laser Imaging Detection and Ranging, isto é, un sistema de medición e detección de obxectos mediante láser), de 2010 a 2015, que permitiu verificar variacións no sistema de dunas, cuxa elevación aumentou nun 83% da área analizada (575 metros de longo), principalmente na duna frontal e no sector norte. Con todo, os investigadores salientan que esas variacións foron moi pequenas. Eses cambios relacionáronse coas condicións invernais e a posibilidade de recuperación do sistema.

Entre 2010 e 2017 produciuse un novo aumento no retroceso de Rodas, máis de 14 metros, no que influíu a ampliación do peirao

O estudo tamén relaciona os principais períodos de tormentas nos últimos anos con valores positivos do índice de Oscilación do Atlántico Norte (coñecido polas súas en inglés, NAO).

A Oscilación do Atlántico Norte é unha  fluctuación a gran escala na masa atmosférica situada entre a zona de altas presións  subtropicales e a baixa polar na conca do Atlántico Norte. A súa influencia esténdese desde América do Norte Central a Europa, alcanzando mesmo ao Norte de Asia. Determina a variabilidade de clima invernal na rexión do Atlántico Norte e estímase mediante o índice NAVE, que se calcula como a diferenza de presión a nivel do mar que se produce entre as baixas presións de Islandia e as altas presións da Azores.

PRESIÓN HUMANA

“No primeiro período considerado (1956–1981), a erosión estivo estreitamente relacionada coa extracción de area no sistema, mentres que no período máis recente, a presenza de turistas foi un dos factores máis importantes que afectaron os cambios no sistema de Rodas”, insisten os investigadores, que sinalan que “o efecto dos visitantes se pode observar claramente nos camiños creados a través da vexetación de dunas”, que “son facilmente recoñecibles nas  ortofotografías máis recentes” e que “inflúen no transporte de material sedimentario nesta área, así como na vexetación de dunas e a dinámica xeral do sistema”.

Os científicos consideran que “esta presión humana no sistema de dunas da praia de Rodas é un desafío para a súa estabilidade, como tamén se demostra noutros lugares insulares, como Menorca”.

Máis información, en Galicia Confidencial.

ÚLTIMAS

Outro motorista, de 21 anos, morre tras chocar contra un coche en Gondomar

Un mozo, I.D.L. de 21 anos de idade, perdeu a vida na madrugada deste...

Outra vez retencións na AP-9 ao seu paso por Vigo por un accidente entre dous camións

Un accidente entre dous camións na autoestrada AP-9 ao seu paso por Vigo provocou longas retencións...

Catro anos de cárcere para un agresor sexual reincidente que agarrou as nádegas e bicou a unha menor nun portal de Vigo

A Audiencia Provincial de Pontevedra impuxo unha pena de catro anos de cárcere para...

Abel Caballero ve no novo expediente da UE “a gran ocasión” para lograr a gratuidade total da AP-9

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, ve o novo expediente de infracción que a UE...