A Xunta recibe máis de 2.000 alegacións por un barrio de Navia con espazos verdes e servizos sociais

Concentración hoxe á porta da delegación da Xunta / Asociación Veciñal de Novo Vigo

A Asociación Veciñal Novo Vigo vén de presentar esta mañá ás 11:00 1.940 alegacións contra as modificacións do PAU de Navia por parte da Xunta, que supoñen a construción de máis de mil vivendas por riba do estipulado, tal e e como xa relatou Xornal de Vigo. A estas alegacións súmanse as das que entregaron particulares pola súa conta, polo que Ana María Martínez Barreiro, a presidenta de Novo Vigo (Asociación veciñal do barrio de Navia), confirma que o total ascendería por riba das 2.000.

Os integrantes da plataforma tiveron este luns un rápido encontro con Ignacio López- Chaves, delegado territorial da Xunta de Galicia en Vigo, e esperan unha xuntanza máis extensa no futuro. Agora a Xunta reenviará as alegacións ao Concello de Vigo, que xa manifestou o seu apoio ao movemento, e debe estimar as alegacións que logo levará ata a Xunta de novo.

“Chegamos ao final do proceso de exposición, comeza a negociación, toca esperar”, resume a presidenta de Novo Vigo, aínda que engade que “aínda que o período de alegacións terminara, ás persoas afectadas individualmente pola modificación plan urbanístico chegoulle unha carta á casa, e contan con 2 meses de prazo dende o momento da chegada desta notificación para facer constar a súa alegación particular”.

Dende Navia lévanse denunciando durante meses “as carencias actuais de equipamentos educativos (falta de instituto), culturais e sociais próximos, totalmente insuficientes coa poboación actual, e cuxa necesidade se verá incrementada notablemente trala realización das fases pendentes”.

Máis alá da mera acumulación de edificios, defenden que “os equipamentos teñen que estar en consonancia coa edificabilidade, e esta á súa vez debe de integrarse na contorna dunha forma suave e gradual para evitar o impacto visual que provocarían as edificacións de gran altura”.

Polo tanto, “é necesario que se preserven as masas forestais existentes, de gran valor ambiental, con actuacións que salvagarden a integridade das carballeiras, a protección de especies autóctonas, así como dos humidais que forman parte do estuario do Lagares”.

Outra das preocupacións da veciñanza é o impacto acústico que a VG-20 provoca en toda a
franxa exterior do PAU, que se verá incrementado coa chegada de novos habitantes, polo que “é necesario solucionar o grave problema de contaminación acústica que soportamos no barrio, recollido no “Plan de Acción contra el Ruído del Concello de Vigo” (2013) de máis de 65dBA e cunha afluencia de máis de 18.000 vehículos diarios, deles, un 15% tráfico pesado”.

Dende Navia consideran imprescindible deixar de ser unha “illa” dentro da cidade de Vigo: “a través dunhas conexións adecuadas, para conseguir unha permeabilidade circulatoria de vehículos e persoas, e poder efectuar así os percorridos da forma máis curta e adecuada posible, evitando desprazamentos e situacións perigosas.

Momento do roteiro / Asociación Novo Vigo

roteiro medioambiental

Celebrouse este sábado ás dez da mañá un roteiro ecolóxico pola zona verde de Navia en perigo, organizado por Ana María Fernández, e no que participaron a Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), Novo Vigo e alumnas da Escola Superior de Arte Dramático de Galicia.

Ana María describe a experiencia como “unha experiencia moi bonita, a xente preguntaba moito sobre as diferentes especies, e unha bióloga lles contestaba. Ao final fixemos unha escenificación teatral. Temos ganas de repetir a experiencia”.

Só lles deu tempo a explorar unha carballeira, a de abaixo, “cando son 3 carballeiras grandes e 3 pequenas afectadas en total. Así que o importante é mobilizar á xente, como cando 3 décadas atrás conseguiuse salvar o parque da Bouza”.

 

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here