Antón Lois: “Unha persoa que tira un can ao contedor ten un problema psicolóxico grave”

Para Antón Lois, director de comunicación da ONG Amigos da Terra, o último 'boom' das mascotas ten que ver coa soidade e a nostalxia da natureza.

Cans durante a 'Can We Run' celebrada en Castrelos/ Miguel Núñez

‘A Policía Local atopa ao veciño de Cabral que tirara cans vivos ao contedor nunha bolsa de lixo’. Esta é unha das numerosas informacións sobre maltrato animal que levamos publicadas durante a corta vida deste Xornal.

E precisamente este, o do maltrato animal, é o tema tratado na derradeira parte da nosa entrevista a Antón Lois, responsable de Comunicación da ONG Amigos da Terra. Xa conversáramos con el sobre asuntos tan relevantes como a situación do Lagares, a evolución medioambiental das Illas Cíes ou a superpoboación.

P- Que opina da aparición de novas tan graves coma a de alguén que tira canciños nun contedor?

R- Nese caso, eu directamente o vexo clarísimo. Se pillan a algúen niso, psiquiatra. Unha persoa que fai algo aí ten un problema psicolóxico grave. Despois xa virá a multa e demais.

P- E cal é a súa opinión sobre o ‘de moda’ que están as mascotas nos últimos tempos, pese a que o noso estilo de vida sexa cada vez máis sedentario e urbano?

R- Paréceme o síntoma de dúas cousas. A enorme soidade na que vivimos e que estamos ademais tan desconectados da natureza que queremos tela nas nosas casas. O problema é cando antropromorfizamos ás nosas mascotas. Hai quen ten un can e pensa que ten un fillo. Pero as mascotas non poden interactuar como unha persoa. Tes un can, non un fillo en corpo de can. O que non significa que un can non che vaia dar mil veces máis a ti que o que ti lle das a el. A cuestión é non convertir o fogar nunha sucursal da selva. Así perdemos o norte.

O can, o mellor amigo/ Miguel Núñez

P- Coido que non podemos banalizar o feito de introducir un animal nas nosas casas.

R- Adoptar un can ou un gato debe ser unha decisión consciente e responsable, estará contigo por unha ducia de anos.

O can, o mellor amigo/ Miguel Nuñez

P- E, a gran pregunta, pode un can estar nun piso? Ou non é sano física e psicoloxicamente para el?

R- Depende. Coñezo cans que viven nun piso e cunha calidade de vida extraordinaria, porque fan exercicio, os seus donos van correr con eles… E cans que viven nun chalet e nos seus 14 anos de vida non saíron deses 600 metros cadrados, están nunha cárcere.

Eu mesmo teño un galgo, e vive nunha casa pero para esta raza unha casa non é nada. Tódolos días estou con el dúas horas correndo, ou máis ben corre el (ri).

‘Can We Run’ celebrada en Vigo/ Miguel Núñez

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here