InicioMedio Ambiente e PatrimonioGalicia e Portugal, destinados a colaborar ao monopolizar o risco de grandes...

Galicia e Portugal, destinados a colaborar ao monopolizar o risco de grandes incendios da Península

PUBLICADO O

O Eixo Atlántico vén de presentar un informe titulado “Cooperación Transfronteiriza na prevención e extinción de incendios forestais no Eixo Atlántico”, coordinado por Juan Picos, doutor enxeñeiro de montes e profesor de enxeñería forestal na Universidade de Vigo.

O Eixo Atlántico valora os lumes como un problema endémico en Galicia, polo que encargaron un informe co que dirixirse os gobernos estatal e galego, pensando en que “as medidas as toman os gobernos, pero os mortos os teñen as cidades”.

Polo tanto, nace este conxunto de propostas ao redor do gran problema dos incendios, que afectan ao porvir medioambiental e económico da Eurorrexión, mesmo á seguridade dos seus cidadáns.

A conclusión principal do estudo refírese á necesidade de crear una coordinación central para as emerxencias, “un ente que poida ser un ano portugués, outro español, e que teña mando sobre todas as forzas que enfrontan aos incendios”.

Juan Picos/ Eixo Atlántico

“Temos poucos recursos. Moitas veces os lumes non se combaten e cando se fai xa é demasiado tarde, non vale con quedarse esperando a que se estendan ao outro lado da fronteira. Pero sen dúbida o máis importante son as medidas preventivas. Cando chega o incendio o mal está feito, pode crecer máis, pode crecer menos, pero o importante é previr para que non ocorran estas traxedias”, reflexionaron desde o Eixo Atlántico na presentación do informe.

Para Juan Picos é un feito que cada ano a intensidade dos incendios aumenta e que o noroeste é unha zona en risco: “O 82% dos incendios de máis de 10.000 hectáreas no que levamos de século déronse no oeste e no noroeste da Península. Temos o récord en tamaño de incendios, así que debemos estar tamén na vangarda nas estratexias”, subliñou.

No acto público falouse da zona fronteiriza entre Galicia e Portugal, nun sentido amplo que abrangue ducias de quilómetros, como un espazo xeográfico que mestura o rural co urbano e cun moi alto risco de incendio.

Polo que a necesidade dunha estratexia conxunta entre Galicia e Portugal faise patente, non só en canto a emerxencias senón xa na propia política forestal. Por tanto, presentan a iniciativa dunha cooperación extensa en canto a “previr, detectar, extinguir, protexer ás persoas e os bens e tamén na formación”.

Incendio en Mondariz / @Davidemanzaneda

“O conxunto das dúas rexións vén sufrindo a aparición de grandes desequilibrios territoriais entre os espazos rurais e urbanos. Os espazos rurais son cada vez máis afectados por un notable descenso demográfico. Isto, unido a unha taxa crecente de poboación con idade superior aos sesenta e cinco anos, un descenso paralelo das taxas de natalidade e unha profunda crise do sector prima­rio, incrementa os efectos do despoboamento”, recoñecía Picos.

Ademais, “as características climáticas, de influencia atlántica e mediterránea, crean nestas áreas as condicións adecuadas de crecemento exuberante da vexetación nunha parte do ano como de aridez nos períodos secos. Estas vantaxosas condicións que, a priori, ofrece o medio forestal, tamén agravan a incidencia dos incendios forestais a ambos os dous lados da fronteira”.

Por suposto, engade Picos, “non son infrecuentes os incendios que, tendo a súa orixe nun país, traspasan a fronteira e producen graves danos no país lindeiro. A realidade dos incendios no Oeste peninsular é complexa e é a que máis se está acelerando os últimos anos se a comparamos con parte sur e a parte mediterránea peninsular e europea”.

Lume rapaces o apagan.
Dous rapaces extinguen o lume nunha carballeira preto das casas/ Miguel Núñez

En conclusión, como sostén o doutor, “é necesario asumir que o problema existe e que se vai a agravar de forma considerable, polo que urxe desenvolver iniciativas transfronteirizas obxectivas que permitan enfrontar, nas mellores condicións, esta ameaza constituída polos grandes incendios forestais, normalmente asociados a condicións meteorolóxicas extremas e de difícil control na emerxencia, nas que é necesario cooperar inmediatamente”.

 

ÚLTIMAS

Decretan prisión para o recluso da Lama investigado pola morte da muller que apareceu no Porriño

A maxistrada do Xulgado de Instrución número 3 do Porriño decretou prisión provisional, comunicada...

A Fundación Secretariado Xitano denuncia as discriminacións contra o seu colectivo

A Fundación Secretariado Xitano (FSG) presentou ante a Valedora do Pobo, María Dolores Fernández...

O TSXG confirma a condena a comuneiros de Cabral, que deben reverter as obras dun parking en Peinador

OO Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ratificou o fallo do Xulgado do Contencioso-Administrativo número...

O BNG de Vigo denuncia a falta de auga potable no IES de Beade, e goberno local e Xunta cúlpanse mutuamente

O grupo municipal do BNG en Vigo denunciou este luns que o IES de...