Ponteareas, o concello galego máis castigado polos lumes e segundo en España

23 grandes lumes forestais calcinaron 41.713 hectáreas en Galicia en 2017, 18.481 na provincia de Pontevedra, onde a metade pertencen ao municipio de Ponteareas.

lume incendios
Operarios rodeados de lapas e fume / Miguel Núñez

Ponteareas foi o municipio galego máis golpeado polo lume en 2017. Dous grandes incendios forestais declarados o 15 de outubro queimaron en conxunto 9.522,97 hectáreas, case a quinta parte do total que arrasaron todos os lumes —grandes e pequenos— declarados en Galicia aquela tráxica fin de semana, na que morreron catro persoas.

O concello ponteareán é o segundo máis castigado polos lumes en España, practicamente á par que o de Encinedo, en León, onde un incendio declarado o 21 de agosto de 2017 arrasou 9.820,66 hectáreas, o máis devastador dese ano en todo o Estado. En terceiro lugar sitúase o que aconteceu en Moguer (Huelva) o 24 de xuño, con 7.517,88 hectáreas, e o cuarto, o de Melón, tamén o 15 de outubro, con 5.965,86.

GRANDES INCENDIOS

Durante 2017 houbo 56 grandes incendios forestais en España —os que afectan máis de 500 hectáreas—, dos cales 23 se localizaron en Galicia (o 41%).

Os grandes incendios calcinaron en total en España 98.072 hectáreas durante o ano 2017, das cales 41.713,34 pertencen a Galicia. Isto é, o 42,5% da superficie total queimada polos grandes lumes no Estado español sitúase en Galicia.

Estes foron os grandes incendios en Galicia no ano 2017, por orde cronolóxica (todos, agás un, en outubro).

Grandes incendios en Galicia en 2017. Fonte: Joint Research Centre
Localidade Data Hectáreas
Verín 03/08 1.372,18
Lobios 09/10 670
Cervantes 12/10 864
Cervantes 13/10 1.785
Lobios 14/10 3.425,48
Tui 15/10 865,37
Chandrexa de Queixa 15/10 741,03
Baños de Molgas 15/10 1.599,97
Melón 15/10 5.965,86
San Cristovo de Cea 15/10 1.520,34
A Gudiña 15/10 1.809,14
Esgos 15/10 573,03
Maceda 15/10 526,36
Parada de Sil 15/10 1.275,62
Salvaterra do Miño
15/10 770,14
Caldas de Reis 15/10 1.067.87
Gondomar 15/10 1.384,92
Nigrán 15/10 1.483,25
As Neves 15/10 2.818,49
Ponteareas 15/10 8.877,79
Ponteareas 15/10 645,18
Mondariz 15/10 568.32
Negueira de Muñiz 16/10 1.104

A maior parte dos grandes incendios concentráronse nas provincias de Ourense e Pontevedra, con 11 e 9, respectivamente. Lugo sufriu tres e A Coruña, ningún.

Na provincia de Pontevedra, os grandes incendios afectaron principalmente a zona sur e arrasaron un total de 18.481,33 hectáreas, o 44,30 por cento do total que estes lumes calcinaron en Galicia en 2017.

22 dos 23 grandes lumes producíronse no mes de outubro e 17 aconteceron o fatídico domingo 15 de outubro, cando se iniciou unha vaga de incendios que puxo media Galicia en xaque e se cobrou catro vidas humanas.

O NOROESTE, A ZONA MÁIS AFECTADA

A distribución do número total de incendios por área xeográfica mostra que a zona noroeste de España sufriu a maior cantidade de incendios, co 51,57% do total anual. Ademais, o 73,21% dos grandes incendios forestais e o 74,54% da superficie queimada por estes localizáronse nesta área.

As cifras están recollidas no informe sobre incendios forestais que publica anualmente a Comisión Europea e que acaba de reeditar e facer públicos, con datos de 2017 para todo o continente.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here