InicioCulturaO Festival de Cans estreará os documentais sobre Eme DJ e o...

O Festival de Cans estreará os documentais sobre Eme DJ e o cantante Litus

O evento, que regresa á súa habitual data na primavera, tamén suma ao seu cartel a Javi Álvarez, creador multidisciplinar.

PUBLICADO O

O Festival de Cans, que se celebrará do 18 ao 21 de maio, estreará en Galicia dous documentais: ‘Miedo al miedo’, dirixido por Menchu Esteban, que narra como a disc jockey galega Eme DJ, que chegou a compartir cartel con outros DJs recoñecidos como David Guetta, 2Many DJs ou Danny Ávila, enfróntase á ansiedade antes de saír a picar; e ‘La historia de un cantante de pub’, de Óscar Vilanova, que repasa a traxectoria de Litus Ruiz, o líder da banda de Late Motiv — o programa que presentaba Andreu Buenafuente –.

Ademais, Litus Ruiz actuará a partir das 20,00 horas do sábado 21 de maio no espazo do Invernadoiro de Mucha do Peso, acompañado do vigués Pablo Novoa.

Así mesmo, a organización anunciou que suman ao cartel a Javi Álvarez, creador multidisciplinar que mostrará en Cans partes inéditas da súa obra, como videoclips, curtametraxes ou pezas próximas á videocreación. O artista tamén é coñecido por ser unha das metades do grupo Fluzo, xunto con Jevi. Está previsto que actúe o sábado pola tarde cunha creación audiovisual e unha performance musical no Invernadoiro.

Estas son as últimas confirmacións que se suman, entre outros, á da cineasta e académica Margarita Ledo e á do director portugués Joao Nicolau, “un dos cineastas máis relevantes do panorama actual en Portugal”. Na súa honra, levarase a cabo unha retrospectiva cos seus curtos, á que acudirá o director, e proxectaranse as súas tres longametraxes durante o fin de semana previo ao festival.

Os filmes visionaranse no Centro Cultural, cedido polo Concello do Porriño, e a entrada será gratuíta. A primeira película, ‘A espada e a rosa’ (xoves, 12 de maio ás 20,00 horas), contará coa presentación do director vía streaming. O venres 13, ás 21,00 horas, proxectarase ‘John From’ e o sábado 14 ás 12,00 horas, ‘Technoboss’.

João Nicolau estará presencialmente en Cans no fin de semana máis intenso do festival, onde estará convidado ao encontro Café Dromedario con CREA, organizado en colaboración coa asociación de directoras e directores galegos. Tamén ofrecerá ao público un avance do seu novo filme en postproducción, ‘John in Christ’.

VENDA DE ENTRADAS

O primeiro pack de 200 entradas está “a piques de esgotarse” e a súa venda estará activa ata o 26 de abril ou ata finalizar a oferta. Custan 15 euros e inclúen a entrada — de mañá ou de tarde –, unha camiseta, unha chapa de edición limitada e un programa.

Ademais, desde este martes pódense adquirir xa as entradas para as sesións de proxección e performance musical de Javi Álvarez, o pase do documental de Eme DJ e o concerto de Litus no Invernadoiro. Para estas actividades sairán 100 localidades á venda a un prezo de 5 euros.

Todas as entradas, tanto para as proxeccións nos galpóns como para os concertos, poden adquirirse na tenda en liña do Festival de Cans: tenda.festivaldecans.com

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...