InicioPolíticaEsperpento da esquerda no Porriño entre acusación de "imposicións" e "faltas de...

Esperpento da esquerda no Porriño entre acusación de “imposicións” e “faltas de respecto”

A posibilidade dun goberno de esquerdas no Porriño afástase tras un novo desencontro entre EU SON e PSOE

PUBLICADO O

A posibilidade de que se manteña un goberno de esquerdas no Porriño, tras a dimisión da alcaldesa, Eva García de la Torre, afástase despois dun novo desencontro entre o grupo socialista e o de EU SON, e entre acusacións mutuas de “megalomanía” e “faltas de respecto”.

Precisamente, a renuncia de Eva García de la Torre debería, teoricamente, facilitar o camiño cara a unha nova investidura dun rexedor ou rexedora do PSOE, evitando así a moción de censura que xa estaba acordada entre EU SON e o PP, e que daría a alcaldía ao ‘popular’ Manuel Alejandro Lorenzo.

Con todo, e tras unha primeira reunión “cordial”, este martes houbo un segundo encontro entre EU SON e PSOE que concluíu de forma abrupta, despois de que os primeiros abandonasen a mesa de negociación polo que consideraron “continuas falta de respecto”. “Non imos consentir un trato agresivo cara ás nosas propostas“, sinalou a concelleira Patricia Sío (EU SON) en declaracións a Europa Press, e denunciou que os socialistas se referiron a esas propostas alegando que “provocan asombro e perplexidade”.

“Teñen que reformularse en que ton queren negociar, non son conscientes de que están en minoría”, sinalou a portavoz de EU SON, que advertiu de que “estas non son formas”. “Parécenos unha falta de respecto absoluta (…), xa nos volverán a chamar se queren, pero así non”, resolveu.

“EGOÍSMO” E “MEGALOMANÍA”

Pola súa banda, a agrupación socialista do Porriño emitiu un comunicado no que acusaron a EU SON de actuar con “egoísmo” e “esixencias” que o PSOE non está disposto a asumir, e que, aseguraron, “incumpren o prometido” pola coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla. “Non van dobregar nin a humillar ao PSOE do Porriño nin ao PSdeG”, proclamaron fontes socialistas.

Así, criticaron que o grupo de Sío reclame “desculpas públicas” de Eva García de la Torre polas súas declaracións na rolda de prensa na que anunciou a súa dimisión (acusando a EU SON de falta de proxecto político máis aló da súa renuncia, entre outras cuestións).

Tamén advertiron de que non aceptarán que se lles impoña ao candidato á alcaldía, e insistiron en que será Lourdes Moure a que se someta á investidura, seguindo a “orde escrupulosa da lista presentada nas últimas eleccións”.

Segundo o PSOE, o grupo EU SON esixe entrar no goberno con dúas concellarías e a primeira tenencia de Alcaldía, “nun acto de megalomanía máis propio das dereitas e que non ten parangón na esquerda porriñesa“, así como dispor dun cargo de confianza para o seu grupo.

Así mesmo, no comunicado tamén lles reprochan que esixan que o novo alcalde ou alcaldesa non teña relación coa xestión económica anterior (o que inhabilitaría a Lourdes Moure, concelleira de Economía e Facenda, entre outras áreas).

Ante estes actos de “irresponsabilidade”, os socialistas advertiron a EU SON de que, “se queren cambiar a vida” do pobo, deben garantir a investidura “sen impor persoas”, “tomar terra” e participar na negociación dos orzamentos de 2022.

Nesta situación, parece difícil que ambos os grupos cheguen a un acordo para a investidura do novo rexedor ou rexedora, que debe producirse, como tope máximo, o 23 de decembro. Ademais, estes desencontros non son o único obstáculo a superar, xa que, para imporse aos 8 concelleiros do PP, son necesarios os votos de PSOE (4), BNG (2), EU SON (2) e Unión Democrática da Louriña, cuxo único representante, Manuel Carrera, xa advertiu de que só apoiará unha candidatura do concelleiro socialista David Alonso (que, precisamente, formou parte da lista do seu partido en 2015, aínda que en 2019 ía de número 4 na candidatura socialista).

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...