Denuncian a insuficiencia de persoal nos servizos de urxencias da área de Vigo

Interior do Cunqueiro /Miguel Nuñez

“Apenas comezou o verán e os problemas non fixeron máis que empezar”, así comeza a carta redactada polos traballadores das PAC (Puntos de Atención Continuada) da área de Vigo, dirixida ao SERGAS.

“Dá igual que a política de vacacións para o persoal sanitario de Atención Primaria na EOXI de Vigo este ano sexa do máis restritiva. Dá igual que a Xerencia negara o dereito a acollerse á conciliación familiar rexeitando todas as peticións de redución de xornada que realizou o persoal médico antes do verán. Dá igual que negara o dereito a gozar de quincenas de vacacións en período estival a algún dos seus traballadores. Nada é suficiente para tapar a mala xestión de Recursos Humanos desta Xerencia nos últimos anos”, denuncian.

Subliñando ademais que “a última volta de torca por parte da Administración é a de deixar descubertos os servizos de urxencias de Atención Primaria ante ausencias imprevistas. Ou o que é o mesmo, se un médico se indispón, ou polo motivo xustificado que sexa non pode acudir a súa garda, non se pon a ninguén no seu lugar”.

Concentración pola salvagarda do pediatra en Coruxo/ Miguel Núñez

Isto ocorreu, segundo os traballadores firmantes da carta, o xoves 5 de xullo no PAC de Redondela; e o sábado día 7 a doutora que estaba de garda no PAC de Moaña até as 22:00 horas tivo que prolongar a súa xornada ate as 8:00 horas (10 horas) porque ninguén foi
relevala; o xoves día 12 tocoulle de novo a Redondela: de dous médicos no PAC na quenda de tarde só se cubriu un; o venres 13 ocorreu o mesmo no PAC do Porriño; e o sábado 14 na Guarda, zona de turismo con aumento de poboación en meses estivais, onde un só medico tivo que atender as urxencias da comarca porque ninguén se fixo cargo do reforzo de fin de semana o sábado pola tarde.

“os feitos demostran que non se trata de nada puntual”

Todo segundo aseguran os firmantes, para os que a consecuencia disto é que “se permite que un só medico se teña que facer cargo do traballo para o que dous efectivos xa se teñen mostrado insuficientes en moitas ocasións”.

“Xa non é unha cobertura de mínimos, atopámonos nunha situación de “sálvese quen poida”, e o peor é que os feitos demostran que non se trata de nada puntual”, subliñan: “Poñámonos no exemplo de que un doente acode ao seu PAC afectado por unha patoloxía grave e repentina. Algo que lle pode pasar a calquera no verán”.

Por exemplo, unha picadura de insecto que teña como consecuencia unha reacción alérxica grave, coma a do home que morreu recentemente pola picadura dunha avespa volutina. Continuaría así o relato: “O doente chega ao PAC con mareo e dificultade respiratoria e o médico non está porque tivo que ir realizar unha asistencia a un domicilio, ou si está pero non lle permitiron rematar a súa quenda de traballo e leva traballando moitas máis horas das que lle correspondían”.

“a administración pecha servizos e cruza os dedos para que nada  suceda”

“No primeiro suposto, o persoal da recepción do PAC tratará de prestarlle axuda sen ser sanitario. No segundo, será atendido por un médico exhausto. En ambos os casos o máis probábel é que a situación non se resolva dun xeito favorábel para o doente. A realidade é que profesionais ao límite están a poñer a súa vida ao servizo dun sistema que fai augas por todos os lados“, aseguran.

En poucas palabras, “a solución que propón a Administración é a de pechar servizos, deixar descubertos e cruzar os dedos para que nada irremediábel suceda. Até o de
agora a xogada está a saírlles ben e parece que non nos queda máis remedio que seguir confiando no azar e no traballo ao límite dos que seguimos intentando manter o barco a flote”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here