Éxito do Festival de Cans máis ambicioso: asistiron 12.000 persoas durante os seus catro días

O coloquio de Trueba foi o máis concurrido na historia do Festival.

Estrela de Cans Fernando Trueba
Estrela para o cineasta Fernando Trueba no Festival de Cans / Miguel Núñez.

 A décimo quinta edición do Festival de Cans congregou ao longo dos seus catro días de duración a unhas 12.000 persoas que esgotaron todas as sesións con entradas á venda, ben anticipadamente ou durante a celebración do evento. “Segue quedando patente a existencia dun público fiel, tanto local como foráneo, moi diverso e interxeracional”, celebran dende a organización.

O Festival continuou apostando polo reforzo da programación do mércores e a programación do xoves, aumentada nesta edición para conseguir atraer a xente xa dende os primeiros días do Festival ata o Porriño.

 

Festival de cans Chimpin
Chimpín de Cans cos colaboradores e seu director Alfonso Pato / Miguel Núñez

Malia o tempo inestable do xoves, as numerosas actividades programadas encheron a Praza do Concello do Porriño e o Círculo Recreativo e Cultural. A Noite Gía dos Videoclips erixiuse como unha das máis existosas e variadas na historia do Festival e, os cociñeiros Mahou Lucía Freitas e Beni Couso atraeron a público xa dende a metade da tarde ata a celebración do concerto de Esteban & Manuel, co que rematou a xornada.

A nosa sección MiniCans e o Parque do río, o espazo pensado para os máis pequenos e pequenas, consolidouse como o gran punto de encontro para as familias dende primeira hora da mañá ata a posta do sol.

Fernando Trueba no Festival de Cans
O cineasta Fernando Trueba, no coloquio cinematografico do Festival de Cans / Miguel Núñez

No tocante á parte da programación pensada para os cativos, tanto o espectáculo do dúo Polo correo do vento coma o concerto de Magín Blanco, o Therefilme de Paulo Nimoy ou espectáculo do Mago Paco foron un auténtico éxito. Ademais, no noso Cans do Futuro e o Roteiro literario con Carlos Meixide pasaron preto de 1.200 escolares e estudantes de escolas e institutos.

O Espazo Mahou na Leira de Alicia continúa sendo un dos maiores puntos de encontro do Festival, con xente de xeito estable dende primeira hora ata a noite. Cómpre destacar o grande éxito que acaou o concerto Mahou Cinco Estrellas de Depedro -que reuniu a 500 persoas- ou a proxección do documental que el mesmo protagonizaba: Casamance, la historia de un viaje, dirixido pola realizadora Paloma Zapata e que tamén esgotou todas as súas entradas semanas antes da proxección.

Fernando Trueba en Cans
O cineasta Fernando Trueba, no coloquio cinematografico do Festival de Cans / Miguel Núñez

A zona volveu ser escenario do terceiro “Dálle caña!”, un coloquio cun formato informal no que os curtametraxistas da sección oficial a concurso (ficción, animación e Furacans) e ExtraCans (sección internacional) presentaron as súas producións ante o público e debateron sobre a aventura de iniciarse no audiovisual.

Na Leira de Alicia-Espazo Mahou tamén se desenvolveron nesta ocasión dous dos nosos habituais Coloquios na Leira,protagonizados nesta ocasión polo cineasta Fernando Trueba e pola directora Gracia Querejeta, que completaron o aforo do espazo.

 
Na liña dos coloquios e encontros, aos anteriormente citados temos que sumarlles tamén o II Encontro de realizadores e realizadoras de videoclips, o café con CREA -que contou coa presenza do director e guionista Borja Cobeaga– os coloquios con AISGE,  aos que asistiron Manuel Lourenzo, Pilar Pereira, Mariana Carballal, Berta Ojea, Nieves Rodríguez, Nieve de Medina e Tamara Canosa.

Nesta edición, o festival quixo tamén incorporar unha masterclass á súa programación contando co experto da Universidade de Vigo Pablo Romero-Fresco e o cineasta galego Alfonso Zarauza para abordar o papel do subtitulado como ferramenta para a diversidade cultural en relación ao audiovisual.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here