Outra especie galega en vías de extinción

O sapoconcho galego desaparace. Só quedan un centenar, pola acción de especies invasoras, capturas e atropelos. A Xunta aproba un plan de recuperación que non inclúe medidas específicas de repoboación.

Sapoconcho galego / faunaourense.blogspot.com
Sapoconcho galego en Ourense / faunaourense.blogspot.com

O Consello da Xunta aprobou este xoves o plan de recuperación do sapoconcho (Emys orbicularis ou galápago europeo), o réptil máis ameazado de extinción de Galicia e do que só queda un centenar de adultos.

O sapoconcho común é un réptil eminentemente acuático que vive preferentemente en augas estancadas ou de leve corrente. Segundo Medio Ambiente, a provincia de Ourense é a que presenta un mellor estado de conservación. Por mor deste baixo número de exemplares, a especie é moi sensible á mortalidade de exemplares adultos, que se pode producir por acción de depredadores -fundamentalmente especies exóticas como o visón americano ou a perca americana-, por atropelos ou por captura directa de exemplares para usalos como mascotas.

Actualmente só se poden atopar na Bacía do río Arnoia (concellos de Allariz, Xunqueira de Ambía e Baños de Molgas, provincia de Ourense), na Bacía do río Avia (concellos de Ribadavia, Beade, Leiro e Cenlle, provincia de Ourense), nas Gándaras de Budiño, na bacía do río Louro (concellos do Porriño, Tui e Salceda de Caselas; na provincia de Pontevedra), nas charcas de Oliveira, no Complexo Dunar de Corrubedo e nas lagoas de Carregal e Vixán (concello de Ribeira, provincia da Coruña).

Causas da regresión

As causas principais da súa regresión, segundo a Consellería de Medio Ambiente, son a captura para a venda como mascota; a morte en nasas de pesca; a existencia de especies exóticas invasoras nas súas áreas de presenza ou a fragmentación de humidais, especialmente na poboación presente nas Gándaras de Budiño.

Todos estes impactos, tanto sobre a especie como sobre o seu hábitat, fan necesario tomar medidas para evitar a súa extinción en Galicia a través dun plan de recuperación. O que hoxe aprobou o Consello da Xunta é o anteproxecto de decreto que dá o visto e prace ao plan de recuperación.

O decreto aprobado hoxe pola Xunta, coa súa catalogación como especie en perigo de extinción, significa a prohibición, salvo autorización expresa, de calquera actuación co propósito de darlle morte, capturalo, perseguilo ou molestalo intencionadamente.

Tamén, se non se ten autorización expresa, está prohibida a exposición para venda, importación ou exportación de exemplares silvestres, vivos ou mortos, así como os seus restos. Así mesmo, está prohibida a súa disecación, excepto en caso de fins científicos ou educativos, e prevese a posibilidade de restrinxir temporalmente o acceso de visitantes en período e lugares considerados críticos para a súa supervivencia e tamén obriga á Consellería a elaborar un plan de recuperación da especie, que é o obxecto do decreto que hoxe se acordou.

Dúbidas

Sen embargo, esta protección non implica ningún proxecto encamiñado a súa recuperación nin a posta en marcha de medidas específicas para a repoboación das súas áreas.

Até agora, o Goberno galego só tiña aprobado o plan de recuperación do oso pardo, que está en proceso de revisión, xa que o único que se conseguiu foi que, de cando en vez, se vexa algún oso nos montes lucenses que baixan de Asturias, pero sen presencia estable.

2 COMENTARIOS

    • Levas razón, efectivamente non é deste xoves, senón de hai un par de meses. Pero ao comezar a pasada semana o sistema actualizou noticias vellas que xa tiñamos metidas. Un saúdo e desculpa o malentendido

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here