As comunidades de montes da Louriña afectadas polos lumes aínda agardan pola rexeneración forestal

200 días despois dos incendios, as axudas para retirar a madeira non comercial seguen sen resolver.

Reunión mantida no Porriño pola Asociación Forestal de Galicia con comunidades de montes de Vigo, O Porriño, Mos e Salceda de Caselas / Prensa Asociación Forestal de Galicia

As comunidades de montes afectadas polos lumes do pasado outono viven na incertidume sobre o futuro dos montes queimados. Douscentos días despois dos lumes, non existe un plan público en firme para impulsar a rexeneración das zonas afectadas e tampouco se resolveron as axudas para a retirada de madeira non comercial do monte. O terceiro foco de preocupación sitúase na zona demarcada polo nematodo, onde a Administración non aclarou como vai proceder.

A Asociación Forestal de Galicia recolleu todas estas preocupacións das comunidades de montes socias de Vigo, O Porriño, Mos e Salceda de Caselas, nunha reunión celebrada na tardiña do xoves no Centro Cultural de Atios (O Porriño).

Con esta xuntanza, a Asociación Forestal continúa a ronda de reunións que está a manter nas últimas semanas cos montes veciñais socios das diversas comarcas de Galicia. O obxectivo último é transmitirlle as preocupacións de montes veciñais e propietarios particulares á Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal, coa que a Asociación Forestal de Galicia ten solicitada unha reunión.

Un dos problemas que preocupa nas comunidades é a ausencia de xestión da madeira queimada sen valor comercial. A Xunta convocou o pasado outono axudas para propiciar a súa corta e trituración, co compromiso de resolver estas axudas antes do 31 de xaneiro. Sen embargo, continúan sen resolverse na actualidade, o que paraliza a rexeneración dos montes queimados e representa xa un problema fitosanitario.

As comunidades de montes queren impulsar a rexeneración das zonas afectadas polos lumes, pero 200 días despois dos incendios continúan á espera dun plan público que posibilite tanto as reforestacións como a creación de franxas de protección en torno ós núcleos de protección.

Estes días, Medio Rural convocou unha liña de axudas para primeira forestación de terras con frondosas e piñeiros, pero trátase dunha oportunidade perdida para apoiar ás comunidades de montes afectadas polos lumes, pois a convocatoria establece que as terras a forestar deberon estar desarboradas os últimos 10 anos, co cal quedan fóra da convocatoria a maioría das áreas queimadas.

Pasado máis dun mes dende o 1 de abril, as comunidades da zona demarcada con superficies de piñeiro afectadas polo lume seguen ademais sen coñecer como vai proceder a Xunta de Galicia en relación coa aplicacion do Plan de Continxencia presentado a Bruselas. Un silencio difícil de entender por parte dos propietarios e dos seus representantes, que esperan unha aclaración urxente.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here