A Xunta promove a creación de buques militares de última xeración no Porriño

O investimento do proxecto ascende a 2,4 millóns de euros.

Porriño
Paso a nivel do Porriño/ Miguel Nuñez

Unha nova UMI, constituída entre as empresas Navantia e AIMEN, ten como obxectivo innovar en novos materiais e sistemas automatizados para a fabricación avanzada de buques militares; e conta cun orzamento de 2,4 millóns de euros e desenvolverase ata 2021.

Francisco Conde, conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, acompañado de Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación (Gain); Anxo Recamán, director do Centro Tecnolóxico de Navantia; Carlos Merino, director de Tecnoloxías Dixitais e UMIs de Navantia; e Jesús Lago, director xerente de AIMEN Centro Tecnolóxico (Edificio Armando Priegue, O Porriño); presentaron este venres, na sede de Navantia en Ferrol, a Unidade Mixta de Investigación NAUTILUS.

Esta alianza entre ambas as entidades responde á necesidade de Navantia de avanzar en I+D para fortalecer o prestixio co que xa conta a compañía no deseño e fabricación de buques militares cun compoñente altamente tecnolóxico e á necesidade de AIMEN, un dos centros tecnolóxicos de referencia para a industria, de consolidar o seu prestixio tamén no ámbito da construción naval.

Deste xeito, a UMI NAUTILUS desenvolverá sistemas robotizados para as primeiras fases de fabricación do buque, concretamente para conformado de chapa e soldadura de previas e paneis; e produtos de alto valor engadido, incorporando solucións no ámbito dos materiais que proporcionen mellor blindaxe, menor peso e unha maior protección contra a corrosión.

A UMI constituída entre AIMEN e Navantia, promovida dentro do programa de Unidades Mixtas de Investigación que desenvolve a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), porá en marcha dúas liñas de investigación (novos materiais e sistemas automatizados de fabricación) e seis actuacións ou proxectos que traballarán na robotización de operacións de soldadura en elementos e estruturas navais.

“Grazas aos traballos desenvoltos nesta UMI, Navantia conseguirá fabricar máis rápido, con maior calidade e dun modo máis económico, o que, por tanto, mellorará a súa posición nun mercado tan competitivo e global como o naval. Ademais, mellorará as prestacións dos seus buques militares ao incrementar as súas funcionalidades, alcanzando unha maior diferenciación dos seus competidores”, subliñan desde a empresa.

A Xunta destaca que esta colaboración aberta entre empresas e centros tecnolóxicos e de coñecemento é a finalidade coa que se puxo en marcha en 2014 o programa de Unidades Mixtas de Investigación, unha iniciativa que contribuíu ao nacemento de 39 alianzas entre 13 centros de coñecemento e 33 empresas de diversos sectores e permitiu mobilizar investimentos por valor de 114 millóns de euros.

AIMEN Centro Tecnolóxico, con 50 anos de experiencia na I+D+i para a mellora da competitividade do tecido industrial, é na actualidade un referente nacional na investigación e prestación de servizos tecnolóxicos no ámbito dos materiais e os procesos de fabricación avanzados, destacando as tecnoloxías de unión, as tecnoloxías láser aplicadas ao procesado de materiais e a robótica. Está presente nos principais sectores da economía española, como automoción, construción naval, metal mecánico, aeronáutico e enerxético.

O Centro de Aplicacións Láser de AIMEN, inaugurado en 2014, traballa no procesado de materiais con tecnoloxía láser, realizando proxectos de investigación propia e colaborativa con empresas. É actualmente o maior de España na súa categoría, tanto por persoal investigador como por investimento.

Navantia, pola súa banda, é un referente mundial no deseño, construción e integración de buques militares de alto contido tecnolóxico, así como reparacións e modernizacións. Ademais, as súas liñas de actividade inclúen o deseño e fabricación de Sistemas de Combate e de Mando e Control, Sistemas Integrados de Control de Plataforma, Direccións de Tiro, Plantas Propulsoras e o Apoio ao Ciclo de Vida de todos os seus produtos. Aínda que a súa actividade principal é o campo naval, Navantia deseña e fabrica sistemas para os Exércitos de Terra e do Aire.

Navantia pertence ao Grupo SEPI, un holding empresarial que abarca un total de 15 empresas públicas participadas de forma directa e maioritaria, con máis de 74.000 profesionais. Tamén ten unha fundación e participacións directas minoritarias noutras nove empresas e indirectas en máis de cen sociedades.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here