O Festival de Cans suma o Premio da Cultura Galega a 15 anos de recoñecementos ao seu labor

Festival de cans Chimpin
Chimpín de Cans cos colaboradores e seu director Alfonso Pato / Miguel Núñez

O Festival de Cans continúa obtendo recoñecementos de prestixio, e esta semana foi recoñecido co Premio da Cultura Galega na categoría de audiovisual, máximo galardón no eido da cultura que concede a Xunta de Galicia.

Inmediatamente despois de facerse pública a concesión do premio, o festival recibiu nas seguintes horas centos de mensaxes, que sorprenderon “incluso á propia organización”, a cal se sente “abrumada por tal cantidade de felicitacións”, e desexou expresar públicamente o seu agradecemento.

Desde institucións públicas, pasando por asociación profesionais, empresas privadas ou partidos políticos de diferentes ideoloxías, deixaron as súas mensaxes de felicitación ben a través das redes sociais, por mail ou por mensaxes privadas. Chegaban de toda Galicia, de diversas cidades de España e de outros países.

Tamén multitude de cineastas, actrices, actores, guionistas ou produtores, ademais de moitas veciñas e veciños e seguidores e seguidoras do festival, felicitaron publicamente ao Festival de Cans por este galardón.

Fernando Trueba no Festival de Cans
O cineasta Fernando Trueba, no coloquio cinematografico do Festival de Cans / Miguel Núñez

Con este premio, o Festival de Cans convértese nun dos eventos culturais que ten acadado un maior número de recoñecementos en Galicia. A este Premio da Cultura hai que sumar o prestixioso Premio da Crítica á mellor iniciativa Cultural, concedido pola Fundación Premios da Crítica no ano 2009, ou o Premio de Cultura da Deputación de Pontevedra ao mellor proxecto innovador no ámbito da cultura, recibido en 2011.

Ademais, o festival foi recoñecido en 2013 co Premio Internacional Ateneo de Ourense ao fomento da cultura, e co Premio Círculo da Cultura que concede a sociedade privada Círculo Recreativo do Porriño.

Fóra de Galicia, en 2007 foi recoñecido no Festivalito de La Palma como festival revelación, e en 2015 levou o Premio Ascaso, que concede o Festival de Ascaso, en Huesca, a promoción do cine de autor no medio rural.

En 2014, o Festival de Cans foi finalista do premio do público en Culturgal á mellor iniciativa cultural de Galicia. A toda esta traxectoria de recoñecementos acadada en quince anos, hai que sumar os estudos feitos sobre o festival como o libro “Estudo do impacto dun evento cultural: o caso do Festival de Cans”, saído da tese de doutoramento sobre o festival que fixo Fran Núñez,e que aportou unha metodoloxía pioneira no xeito de medir o impacto dos festivais, agora utilizada por Agadic para poder medir o impacto en outros festivais.

Festival de Cans
A actriz de Fariña Isabel Naveira e Alfonso Pato na rolda de prensa do festival de Cans / Miguel Núñez

O Festival de Cans quere compartir este premio tamén co resto dos festivais de cine de Galicia, “que fan un enorme esforzo como mediadores entre os creadores e o público, e que precisan máis axudas para desenvolver o seu traballo, tanto a nivel galego como a nivel provincial”.

A organización do festival quere agradecer o premio ao xurado que decidiu concederlle este galardón, que compartirá con personalidades relevantes da cultura galega, e será recollido nunha gala coa presenza do Presidente da Xunta Alberto Núñez Feijoo, a celebrar en Santiago de Compostela no mes de decembro.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here