InicioSociedadeA Xunta pide para Galicia as vacinas que "non poñen" outras comunidades

A Xunta pide para Galicia as vacinas que “non poñen” outras comunidades

Alfonso Rueda defende en Mos o 'modelo valenciano' para as axudas a hostaleiros: "Canto máis aportemos e simplifiquemos, mellor".

PUBLICADO O

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, manifestou que o Goberno central debe poñer as vacinas que “non son capaces de poñer” algunhas comunidades a disposición daquelas autonomías que esgotan a subministración semanal que achega a Administración central.  “Non queremos quitar nada a ninguén. O que non ten sentido é telas e non poñelas cando hai outros que si as poderiamos poñer”, sinalou Alfonso Rueda a preguntas dos medios este sábado nun acto na localidade de Mos.

Para o ‘dous’ do Goberno galego “non é razoable que haxa vacinas sen administrar”, polo que expuxo que estas doses “se poñan a disposición” daquelas comunidades como Galicia, que se atopa entre as autonomías que mellores cifras presenta en canto a volume de vacinacións. “Todo o que nos chegue vaise administrar”, destacou Rueda tras enxalzar a “planficiación” deseñada pola Administración galega para a subministración das vacinas que chegan á Comunidade.

Nesta liña, solicitou “máis subministración” de doses e que esta “non se interrompa” para seguir adiante co proceso de inmunización da poboación. “E se algunha comunidade non é capaz de poñer as vacinas que se lle fornecen, que veñan a Galicia, que aquí somos capaces de poñelas”, engadiu o vicepresidente autonómico.

‘MODELO VALENCIANO’ DE AXUDAS Á HOSTALARÍA 

Noutra orde de cousas, Alfonso Rueda defendeu o denominado ‘modelo valenciano’ para as axudas ao sector da hostalaría ante as restricións motivadas para conter a pandemia e que consiste na creación dun fondo común no que acheguen as administracións autonómicas, provinciais e local.

“Canto máis acheguemos e simplifiquemos, mellor será para os hostaleiros”, sinalou Rueda en declaracións aos medios este sábado en Mos, onde destacou que esta proposta de seguir o modelo de implicar as tres administracións nun único fondo de axudas foi exposto polo propio sector na reunión mantida o pasado xoves coa Xunta.

Con todo, as deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra –todas presididas polo PSdeG-PSOE– fixeron unha “fronte común” para expresar, a través dunha nota de prensa difundida o pasado venres, o seu malestar pola forma na que se deu a coñecer a posta en marcha deste fondo, “sen pactalo previamente coas entidades locais, que xa teñen en marcha os seus propios plans”.

A forma de proceder neste asunto por parte da Administración autonómica tampouco gustou na Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) que, noutro comunicado emitido o venres, aclara que as entidades locais “non tiñan noticia ningunha do fondo anunciado pola Xunta de Galicia” e engade que descoñece “o motivo polo que o Goberno autonómico divulga un plan que implica á administración local antes da súa negociación e deseño”.

“Foron os hostaleiros quen o propuxeron e nós estamos de acordo”, apuntou Rueda, quen puxo o acento no positivo de reunir “todas as aportacións” das administracións nun “único fondo” que evite que os hostaleiros “teñan que estar a peregrinar de administración en administración” para optar a axudas.

CONTROIS CON PORTUGAL

Por outra banda, tamén a preguntas dos xornalistas, Rueda reclamou que as forzas da orde intensifiquen as tarefas de control para velar polo cumprimento do peche perimetral de Galicia, especialmente na fronteira con Portugal. “É certo que a fronteira non está pechada, pero se Galicia está perimetrada tamén o está para os que veñan de Portugal”, incidiu o ‘dous’ do Executivo autonómico antes de afirmar que a demanda de “máis controis” na ‘Raia’ xa foi trasladada á Delegación do Goberno.

“A situación santiaria no norte de Portugal é moito peor que a de Galicia e non nos interesa esta trasfega de persoas”, apostilou.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...