Mos rende homenaxe á atleta Soledad Castro: o pavillón Pena de Francia pasa a levar o seu nome

A alcaldesa, Nidia Arévalo, destacou a traxectoria deportiva de Castro e a definiu como "un orgullo para Mos".

Acto homenaxe a Soledad Castro/ Concello de Mos

Este domingo celebrouse un acto de homenaxe á atleta mosense María Soledad Castro Soliño, tralo que o Pavillón Pena de Francia pasa a levar o seu nome. Ademais da homenaxeada, familiares, amigos, e un nutrido público; estiveron presentes o Xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Daniel Benavides, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o tenente alcalde, Alberto Méndez, o concelleiro de Deportes, Baldomero Lorenzo, a concelleira de Política Social, Cultura e Turismo, Sara Cebreiro, e demais membros da Corporación Municipal mosense.

O acto contou coas actuacións da agrupación musical Argonat Band e de distintos clubes de patinaxe do Concello de Mos. Esta homenaxe foi o recoñecemento oficial que dende a administración local se lle fai a esta gran deportista, que comezou xogando nun equipo de fútbol feminino da parroquia de Tameiga, fichando logo polo Abrente e que se iniciou no atletismo aos 19 anos, no Celta de Vigo. En novembro do 1992 fichaba polo Comesaña Sporting Club.

Acto homenaxe a Soledad Castro/ Concello de Mos

Sole Castro conta no seu palmarés con numerosas medallas en campionatos a nivel galego e español en campo a través, 10.000 m, 3.000 m e media maratón. Nas competicións internacionais salientan: en 2017 Campioa do Mundo de Media Maratón W-50 na cidade coreana de Daegu, en 2016 Campioa do Mundo de Atletismo de Montaña W50 na localidade de Susa, pertencente á Rexión Piamontesa de Italia, en 2002 Campioa de Europa veterana de 5.000 m e 10.000 m en Potsdam (Alemaña); en 2003 Campioa do Mundo veterana de 10.000 m e Subcampioa do Mundo veterana de Campo a Través e 5.000 m en Carolina (Porto Rico); en 2004 Subcampioa de Europa veterana de 5.000 m e 10.000 m en Århus-Randers (Dinamarca); en 2005 Campioa de Europa W35 de Media Maratón, 2ª xeral en Monte Gordo (Portugal).

Ademais, Soledad Castro xa recibiu a Medalla ao Mérito do Concello de Mos no ano 2006.

Acto homenaxe a Soledad Castro/ Concello de Mos

E o 29 de maio de 2017 o Pleno do Concello aprobou, por unanimidade dos seus membros, dedicarlle o Pavillón Pena de Francia poñéndolle o seu nome.

Sole Castro é enormemente querida na súa parroquia, Dornelas. “Esta excepcional muller que naceu un 25 de maio de 1965, é unha persoa inqueda, que pode presumir de excelencia en cada faceta que desenvolve, deportiva, artística, pictórica e literaria”, salientan desde o Concello de Mos. Precisamente foi a artífice da postal oficial do Concello de Mos do Pasado Nadal e onte volveu a agasallar ao Concello cunha obra súa, neste caso unha acuarela do Pazo de Mos.

Incluso experimentou con outras disciplinas deportivas e iniciouse na práctica da esgrima.

Acto homenaxe a Soledad Castro/ Concello de Mos

Nidia Arévalo, rexedora local mosense, declaraba onte sobre Soledad Castro que “é todo un exemplo de esforzo e superación polo que dende o Concello de Mos quixemos homenaxeala, en recoñecemento dos seus méritos, adicándolle este Pavillón. Sole é unha muller tímida, modesta e menuda que paradoxicamente ten a fortaleza física propia dos deportistas de élite. Non só é Campioa do Mundo, senón que ten un corazón como un mundo e iso é aínda máis importante. É unha gran embaixadora de Mos, un exemplo para todos nós, un espello no que mirarnos e que demostra sempre o orgullo e o cariño que sente polo seu pobo: sempre en contacto coa súa familia e os seus veciños, adorada pola súa parroquia, Dornelas, na que é todo un referente”.

Arévalo concluiu a súa intervención dándolle as grazas a Sole: “Grazas de corazón, grazas unha e mil veces, por ser un orgullo para Mos, por formar parte da historia deste municipio. Mos recordarate e rendirache homenaxe por sempre”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here