InicioMedio Ambiente e PatrimonioNova especie invasora en Galicia: Chega a Mos un caracol propio de...

Nova especie invasora en Galicia: Chega a Mos un caracol propio de Florida

Este caracol norteamericano está a extenderse por todo o mundo.

PUBLICADO O

Galicia suma ao seu rexistro de especies exóticas o Planorbella duryi, caracol orixinario da península de Florida (Estados Unidos) que se estendeu por outras partes do mundo. Até agora non había rexistros en Galicia deste caracol norteamericano. A primeira cita aquí é de César Ayres Fernández, científico membro do AHE-Galicia, grupo local da Asociación Herpetológica Española, que traballa para a conservación e estudo da herpetofauna.

Durante unha mostraxe na contorna do río Louro visitouse o parque temático da auga situado no concello de Mos (Pontevedra). Entre as especies invasoras presentes na zona acuática detectouse a presenza de numerosos caracois acuáticos, entre os que varios expertos consultados por Ayres Fernández confirmaron a identificación de exemplares de Planorbella duryi, especie que non fora citada ata o momento en Galicia, segundo o investigador de AHE-Galicia.

“Tendo en conta a proximidade deste parque co río Louro e coa ZEC Gándaras de Budiño, non se pode desbotar a posibilidade de verquido destas especies augas abaixo, como se comprobou tralas choivas de outubro”, expón o científico autor desta primeira cita, recollida na revista Braña, editada pola Sociedade Galega de Historia Natural.

Planorbella duryi é un gasterópodo de augas doces da familia Planorbidae, orixinario da península de Florida. Trátase dunha especie variable en forma e tamaño, cuncha de cor pardo claro ou escuro, translúcida. O animal xeralmente é de cor marrón escura a negruzco, aínda que nalgunhas ocasións pode ser dunha cor vermella intensa.

A comunidade científica sabe que a especie se foi estendendo por numerosos países mediante introducións accidentais ou intencionadas, na súa maioría relacionadas coa comercialización de plantas tropicais importadas para viveiros, ou debido á liberación da especie de acuarios domésticos. A especie estendeu o seu rango de distribución por case todo o mundo. Así, ademais de onde é orixinaria —Florida—, estendeuse por América do Norte, Centroamérica, Xamaica e Cuba, Sudamérica, África, Oriente Próximo, Rusia, Australia, Hawaii e Europa.

A pesar da súa gran capacidade invasiva, nalgúns puntos onde se citou previamente de maneira moi localizada ou esporádica acabou por desaparecer. En calquera caso, esta especie adoita presentar un patrón de distribución altamente ligado a ambientes antropoxénicos (é dicir, os condicionados pola acción do ser humano).

En España, Planorbella duryi citárase en Cataluña, Comunidade Valenciana, Illas Baleares e Illas Canarias. Agora, por primeira vez, cítase a súa presenza en Galicia.

ÚLTIMAS

Gonzalo Caballero proposto polo PSOE de Vigo como candidato galego ás europeas

A asemblea do Partido Socialista de Vigo propuxo ao que fora secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,...

Claudio Giráldez renova como adestrador do Celta ata xuño de 2025

O adestrador galego Claudio Giráldez renovou este xoves o seu contrato como técnico do RC...

Vigo supera de novo os 300.000 habitantes, “de longo a maior cidade de Galicia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a cidade volveu a superar os 300.000 habitantes...

Case nove de cada dez usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes dos 18 anos

Preto do 88% dos usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes...