Vigo baixa en contaxios e hospitalizacións, pero mantense como a área con máis casos activos de Galicia

Na última xornada sumáronse 47 positivos máis, segundo datos de Sanidade.

Unha sanitaria prepara probas PCR en Monforte de Lemos (Lugo). CARLOS CASTRO - EUROPA PRESS

Vigo continúa sendo a área sanitaria que máis casos activos ten, cun total de 1.304 – 13 menos ca hai un día -. Segundo a web de Sanidade actualizada con datos das 18,00 horas do domingo, a área de Vigo suma na última xornada 47 positivos, o que supón unha baixada importante (-51) respecto do día anterior.

A taxa de positividade sitúase, deste xeito, no 2,5%, a segunda máis baixa en toda Galicia. Isto supón que Vigo está por baixo do limiar do 5% que establece a Organización Mundial da Saúde para dar por controlada a pandemia. 

No que respecta ás hospitalizacións, a área sanitaria de Vigo é a única na que baixa o número de persoas con covid-19 que permanecen no hospital. Así, na cidade olívica os ingresados reducíronse en dous pacientes, ata 56, aínda que aumentaron nun os que se atopan en UCI ata sumar 12.

GALICIA

Consellería de Sanidade notifica este luns unha repunta nos ingresados covid nos hospitais do conxunto de Galicia, ata o total de 365, que se relaciona ademais coa primeira subida no número de casos activos en case un mes. En concreto, Galicia ten 5.560 pacientes de coronavirus, 39 máis que un día atrás, o que implica que ás portas do Nadal rompe unha tendencia á baixa sostida desde o pasado 19 de novembro.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here