InicioMedio Ambiente e PatrimonioO Porriño e Mos, ante un "pico de iceberg" na contaminación por...

O Porriño e Mos, ante un “pico de iceberg” na contaminación por lindano

ADEGA denuncia que a Xunta "podería estar a incorrer nunha infracción moi grave ao non realizar operacións de limpeza, mantemento e recuperación daqueles solos que declararon contaminados". 

PUBLICADO O

Os residuos de lindano, un pesticida canceríxeno fabricado por Zeltia nos anos 50 e 60 no Porriño e utilizado como recheo para pistas ou abono para leitas, seguen sendo un problema 60 anos despois. Desde a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), veñen de denunciar que aínda hoxe se descoñece a totalidade dos lugares de vertedura e indican que existen áreas “tratadas” e “encapsuladas” a principios do 2000 nas que se producen fugas por carecer de mantemento. “Estamos – indican – ante un pico de iceberg de contaminación por lindano”.

Despois de que no 2017 apareceran cantidades elevadas de lindano nas traídas veciñais da parroquia de Torneiros, no Porriño, unha investigación analítica confirmou que tamén existe contaminación por este tóxino nunha nova área da que non se tiña constancia oficial de verteduras. “Este problema, xa que logo, non se cingue ao polígono industrial no que operaron as empresas químicas nin é puntual como inicialmente defendeu a Xunta”, denuncia Adega. Veciñanza e ecoloxistas alzaron a voz en repetidas ocasións para revelar que por toda a área augas abaixo do Louro e mesmo no veciño concello de Mos (parroquias de Cela, Sanguiñeda e Pereiras) existe unha alta probabilidade de contaminación por lindano.

POZOS, FONTES, REGATOS E TERRAS CONTAMINADAS

A investigación encargada pola Xunta de Galicia, que se desenvolveu 25 anos despois de que aparecese a contaminación por lindano no 1992, confirma a “importante magnitude e extensión” das zonas afectadas e a “posible ineficacia do encapsulado in situ” ao que se someteu a ‘zona cero’ nos anos 2000.

Con respecto ás mostras de auga, Adega informa que máis da metade dos pozos, fontes, regatos e charcas mostradas (19 de 33) amosan contaminación por lindano, e polo que atinxe ás terras e solos, moitos deles (22 de 27 mostras) presentan contaminación por lindano que superan os límites legais, e nalgúns casos con elevadas concentracións e alta pureza. Estes “preocupantes resultados”, fala Adega, permiten concluir que “estamos perante un “pico de iceberg” de contaminación por lindano nunha área moito maior da inicialmente estimada pola Xunta”, e que a veciñanza da parroquia de Torneiros no Porriño, e probablemente tamén doutros lugares do veciño concello de Mos, segue exposta a este perigoso tóxico.

O ENCAPSULADO NON É SEGURO

Outra das conclusión deste estudo apunta a que os refugallos de lindano (uns 150.000 m3) que foron encapsulados in situ nos primeiros anos de 2000 na zona denominada “polígono cicloturista” poden estar deitando contaminantes ao medio. Ao parecer, detectáronse zonas nas que o selado non ten o espesor proxectado nin atinxe a toda a área contaminada, informa Adega.

Así mesmo, a sinalización é “deficiente”, o valado perimetral está “ausente en diversos puntos”, as canles de recollida das escorrentías “carecen de mantemento” e mesmo a vexetación arbórea do parque moi probablemente furou xa a capa impermeable.
Segundo Adega, “resulta preocupante que a consultora que elaborou o estudo non puidera acceder a información documental sobre as características concretas dos materiais empregados para o selado, observando que nalgúns lugares nos que estes materiais están á vista aparece un plástico de ensilado que non realiza correctamente as funcións de impermeabilización…”.

IRRESPONSABILIDADE DA EMPRESA E “CHAFALLADAS” DA XUNTA

O “Defensor del Pueblo” ao que acudíu a veciñanza afectada concluíu en 2019 que malia que a administración coñecía a contaminación do solo e augas dende 1992, “aínda non resolveu o problema”. No seu informe, a oficina do “Defensor” indicaba que a Consellaría debería inciar a declaración de solos contaminados para a zona de Contrasto. E para o antigo polígono de Torneiros, declarado solo contaminado en 2001, pedía á Xunta que modificase esa declaración para “identificar os responsables da descontaminación, determinar as actuacións de recuperación e fixar prazos de cumprimento”.

En 2020 a xente segue vivindo sobre os refugallos tóxicos, cultivando as leiras cos residuos de lindano, bebendo a auga contaminada e mesmo morando nos edificios construídos con materiais tóxicos e situados sobre os antigos vertedoiros”, sentenza a asociación ecoloxista. Ante esta situación, indican que “a Xunta podería estar a incorrer nunha infracción moi grave ao non realizar operacións de limpeza, mantemento e recuperación daqueles solos que declararon contaminados”.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...