A Xunta delimita a contaminación por Lindano só a Porriño e descarta outros concellos

O proxecto para a remediación do solo do Contrasto, no Porriño, prevé un investimento de 2,5 millóns de euros

Fotografía das zonas do Porriño onde se detectou lindano / Xunta.gal
Zonas do Porriño onde se detectou lindano / Xunta.gal

Os comités creados para abordar o problema de contaminación por lindano puxéronse en marcha este venres coa reunión, en Vigo, do grupo de expertos científicos das tres universidades galegas, que analizarán as medidas adoptadas pola Xunta até agora así como as propostas de actuación para a descontaminación do solo no Porriño.

Segundo explicou, en declaracións aos medios, a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Cruz Ferreira, os técnicos da Xunta presentarán a estes expertos “de recoñecido prestixio” os traballos realizados, así como o proxecto de obra para proceder á ‘remediación’ do solo do barrio do Contrasto, no Porriño, o único lugar no que, polo momento, as análises confirmaron a presenza deste tóxico.

Ferreira sinalou que, até agora, a Xunta investiu uns 50.000 euros na realización de catas e análises no termo municipal de Mos (onde os resultados foron negativos) e no Porriño, así como no proxecto de obra para a descontaminación neste segundo municipio.

Dito proxecto, para o que a administración busca o “aval” dos científicos, supón un investimento duns 2,5 millóns de euros e, unha vez que o comité dea o seu visto e prace, trasladarase ao Concello do Porriño e “decidirase cando empezan as obras”. En todo caso, precisou, as actuacións en zonas afectadas por lindano son “a longo prazo”.

A directora xeral, quen ratificou que non hai constancia “polo momento” doutras zonas contaminadas, apuntou que, actualmente, os métodos que se demostraron efectivos para a descontaminación destes solos son o traslado dos residuos a unha planta especializada (neste caso sería a Sogarisa) e o “encapsulamento”.

Xuntanza do comité científico do lindano / EP

REMEDIACIÓN FITOSANITARIA

A maiores, estanse a realizar estudos sobre a remediación do solo mediante técnicas fitosanitarias, que consisten na utilización de determinadas plantas que, por medio de bacterias, conseguen absorber o lindano. “Temos que demostrar que funciona nunha parcela para extrapolar os resultados”, indicou.

A ese respecto, tamén lembrou que a Xunta, xunto coa USC, CSIC, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e o concello do Porriño, presentou un proxecto de remediación fitosanitaria para optar a fondos europeos do programa LIFE.

OUTROS COMITÉS

Por outra banda, Cruz Ferreira sinalou que, ademais deste comité científico, constituiranse outros dous comités en relación coa contaminación por lindano: un técnico e outro social. O comité técnico estará integrado por técnicos da Xunta, da Confederación Hidrográfica, alcaldes e concelleiros; mentres que o comité social estará formado por representantes de asociacións, ONG e outros colectivos.

Ademais destes grupos de traballo, Galicia sumouse a un proxecto, liderado pola comunidade de Aragón, que opta a fondos europeos Interreg, e que ten por finalidade a creación dunha rede europea de zonas afectadas polo lindano.