A CUT pide que se garde un minuto de silencio como protesta polas mortes no traballo

O sindicato subliñou que a "precariedade" no sector da automoción "está a incrementarse exponencialmente" e iso, unido aos "altos ritmos e cargas de traballo", supón "un serio risco para a saúde".

A CUT durante unha reunión. CUT

O sindicato CUT fixo un chamamento aos comités de empresa da industria de automoción de Galicia para que o vindeiro mércores ás 12,00 horas se garde un minuto de silencio como medida de protesta pola sinistralidade laboral no sector e tras o último accidente, ocorrido nunha empresa no Porriño, e que custou a vida a unha operaria.

A través dun comunicado, a Central Unitaria de Traballadores lembrou a traballadora falecida o pasado venres tras sufrir un grave accidente unha semana antes. A muller, que quedou atrapada nunha prensa hidráulica nunha empresa auxiliar de automoción, tiña un contrato eventual “e levaba menos de 6 meses traballando” nesa planta, segundo apuntou a CUT.

O sindicato subliñou que a “precariedade” no sector da automoción “está a incrementarse exponencialmente” e iso, unido aos “altos ritmos e cargas de traballo”, supón “un serio risco para a saúde”.

“Desde a coordinadora de automoción da CUT queremos dicir ‘Xa abonda’. Xa abonda de mortes no traballo, xa abonda de precariedade laboral que mata, basta de primar o beneficio económico sobre a vida e a saúde das persoas”, proclamaron desde o sindicato, e advertiron de que “a saúde non se negocia”.

Por iso, pediron que se garde un minuto de silencio nos centros de traballo este mércores, nun acto que sirva tamén para concienciar todas as persoas traballadoras de que “non se poden permitir presións para producir máis rápido” cando é a vida “a que está en xogo”.