Intervidos 9.000 petardos á venda de forma ilegal en Mos

Intervidos 9.000 petardos que estaban á venda de forma ilegal en Mos (Pontevedra). GARDA CIVIL

A Garda Civil incautouse de case 9.000 petardos que un veciño do Porriño tiña á venda nun posto ambulante, durante unhas festas na localidade de Mos (Pontevedra).

Segundo informaron fontes do Instituto Armado, a incautación produciuse esta fin de semana durante as festas populares da parroquia de Sanguiñeda, e denunciouse tamén a persoa que tiña o posto ambulante para vender estes artefactos pirotécnicos.

A dotación da Benemérita interveu un total de 8.933 petardos, cuxas categorías van desde F1, considerados de baixo perigo e que se poden usar dentro ou fóra de edificios residenciais, ata a categoría F3, que teñen un perigo medio e deben ser utilizados ao aire libre, en espazos abertos con ampla superficie.

En todo caso, a Garda Civil lembrou que estes artefactos pirotécnicos só poden venderse en establecementos autorizados e, dependendo da categoría, a persoas maiores de 12 e de 18 anos de idade.

A venda destes petardos nun posto ambulante, sen autorización administrativa, constitúe unha infracción grave e os seus responsables poden ser sancionados con multas de entre 300 e 30.000 euros.