A cousa xa estaba quente de meses atrás. En Ferrol dous traballadores da Bazán (agora Navantia) morren por disparos da policía cando esta disolvía a manifestación en que se implicaran para reclamar a reincorporación doutros dous traballadores despedidos e ademais, reclamaban un convenio laboral propio para o estaleiro. Isto ocorreu o 10 de marzo de 1972, quedaban aínda tres anos de franquismo con Franco. Namentres, durante o espazo de tempo entre marzo e setembro dese ano, os movementos sindicais clandestinos comezaron a moverse reclamando melloras laborais de todo tipo e tamén a fin da ditadura. E de súpeto, un 11 de setembro comezou a marcha desde as portas da Citroen pedindo a traballadores e traballadoras doutras empresas que se unisen nun paro xeralizado en toda a cidade. Houbo unha resposta case que unánime desde os sectores obreiros, mais tamén unha forte resposta represiva por parte das forzas policiais enviadas para disolver as manifestacións e procurar a detención de líderes sindicais.

CONDICIÓNS LABORAIS E DESPEDIMENTOS

Aínda que os feitos que deron inicio as mobilizacións foron os de marzo en Ferrol, en Vigo xa comezaba a haber mobilizacións en solidariedade cos e coas compañeiras de Bazán, mais tamén houbera paros e folgas froito dos despedimentos de traballadores en diversas empresas da área viguesa. Con todo, foron as sancións a xeito de despedimento de cinco traballadores e catro membros do Xurado de Empresa de Citroen (un equivalente ao comité de empresa actual, aínda que participado polo Sindicato Vertical franquista) o principal detonante das folgas olívicas.

Estaba na quenda da mañá na Citroen ese día 9 de setembro, mais ás sete da tarde foi cando soubemos de que houbera un conflito na empresa e esta exerceu a súa represión co despedimento, directamente” lembra Xesús Chaves, daquela en Organización Obreira. Todo isto sen abrir un expediente previo.

A raíz do problema viña da ruptura das conversas para o convenio de empresa o 27 de decembro de 1971. Ante isto, as autoridades xudiciais e laborais acabarían emitindo un laudo de obrigado cumprimento para as dúas partes. “En previsión de que o laudo non fose favorable aos traballadores, comezamos unha serie de accións tanto CC.OO como Organización Obreira que estabamos en unidade coa UPG”. Cando saíu o laudo e tal e como temían os e as traballadoras, era desfavorable ás súas peticións, entre elas que non se traballase o sábado pola tarde e ter unha semana laboral de 44 horas.

Foi unha folga política, hai que dicilo con toda sinceridade, houbo momentos difíciles” di Enrique Ordóñez, actualmente na UGT. “A min dixéronme de falar sobre isto, mais houbo persoas que estiveron movendo todo aquilo e que hoxe non están aquí, como Paco Sorno, que vive en Palencia” remarca Ordóñez quen tamén lembra situacións esperpénticas. “Os meus sogros tiñan un bar restaurante e alí comían e ceaban 80 policías e habíaos que fachendeaban dos paus que deran ese día, certamente algunhas conversas daban noxo”, así pola mañá Enrique Ordóñez estaba facendo fronte aos policías e polas tardes servíalles a cea. “Había quen me dicía de botarlles algo malo na comida” di entre risos.

Margarita Rodríguez traballaba en Cerámicas Álvarez, unha empresa dedicada á louza e ao vidro que pechou en 2001. “En Álvarez houbera xa protestas con anterioridade porque as condicións laborais eran penosas. En 1972 fomos á folga en solidariedade cos traballadores despedidos da Citroen”. Rodríguez apunta que para poderen cambiar de roupa “houbo que suar para que puxesen uns cravos e un arame ao que ataron unha cortina”. “Cando saímos á rúa vimos que tamén compañeiros e compañeiras doutras empresas sumándose á protesta”. A mobilización en Álvarez ese ano tamén tivo as súas repercusións. “Houbo 57 despedimentos e houbo que esperar até a amnistía política de 1977 cando nos readmitiron ás 57 e tamén persoas despedidas no ano 1969 por outra folga”. Margarita describe como as asembleas se celebraban na porta das fábricas e logo pasouse a facer asembleas noutros puntos da cidade. “Mais logo foi imposible porque a policía tomou a cidade e era imposible moverse”. A paranoia represiva chegara a tal punto que estaban prohibidas as reunións de máis de dúas persoas na rúa, se se vían tres persoas eran detidas inmediatamente.

O movemento obreiro xa se estaba deixando sentir en Vigo durante os 60 e a finais desa década comezaron as primeiras mobilizacións en firme. “O 30 de abril de 1969 organizamos unha manifestación para quentar o ambiente antes do 1º de Maio, aí foi cando me detiveron por asociación ilegal ao PCE, en 1971 houbo un indulto para presos políticos, aínda así non puiden volver á Citroen” describe Juan Benavides, de CC.OO. No 72 traballaba nunha auxiliar de Vulcano. “Estabamos nunha loita contra a ditadura e o que buscabamos era crear unha folga xeral, por iso en 1972 queriamos que todo saltase ao resto do Estado”. Non obstante, as condicións para materializar as protestas fóra de Galicia era imposible ante a masiva presenza de policía e Garda Civil. Por outra parte “o empresariado era moi reaccionario, o primeiro director da Citroen en Vigo era un coronel do exército e esa empresa foi a única que non readmitiu indultados do 1971”.

SOLIDARIEDADE E LOITA

Unha vez que se emite o laudo polo cal non se modifica a semana laboral de 44 horas, os cinco traballadores de Citroen xunto con catro membros do Xurado de Empresa son despedidos ante a negativa da empresa a negociar e recortar. “Comezamos unha serie de accións como plante de veladas ademais de paradas simbólicas” di Chaves. Antes de setembro houbera dous paros nuns talleres eléctricos durante dezasete días e en maio Barreras decretara un peche patronal alegando falta de material. Logo das mobilizacións de maio non houbo despedimentos nin sancións.

Xesús Chaves era o coordinador en Citroen das células clandestinas de Organización Obreira. No momento en que saben dos despedimentos na empresa o 9 de setembro, reúnense para analizar a situación. “Preguntámonos daquela e aínda o seguimos preguntando é por que as Comisións Obreiras e o PCE organiza un paro parcial na nave F de Citroen ás costas das outras seccións e grupos sindicais” apunta Chaves. Esta acción non tivo en conta, segundo o antigo membro de Organización Obreira, dous elementos, os fortes lazos de solidariedade entre traballadores para que os seus compañeiros non fosen sancionados nin despedidos. Por outra parte, estaba a intransixencia da propia compañía que por boca do xefe de persoal anunciou “un escarmiento ejemplar” sobre os traballadores en folga. A partir do día 22 de setembro entran policía e Garda Civil que “puxeron Vigo en estado de sitio”. “Foi importante tamén o recuamento das direccións das Comisións Obreiras e do PCE, non así das súas bases, porque estas sempre estiveron xunto ás bases doutras organizacións obreiras”.

“Detivéronme o día que finaliza a folga. O día 26 de setembro son detido pola noite e paso 22 días na cadea da rúa Príncipe. Alí dentro había un ambiente moi bo, con reunións seguindo a disciplina do PCE para chegar a acordos e levar todo planificado” di Juan Benavides quen lembra como os traballadores que participaban nas mobilizacións “estaban sinalados”. Aínda así continuaron e formaron as Comisións Obreiras mentres aparecían novas organizacións froito de escisións do PCE. “Estaban a ORT ou a Liga Comunista Revolucionaria que era como se buscasen tirar todo abaixo, buscaban unha loita armada que para o PCE era imposible e inviable”.

Tamén houbo quen non secundou as mobilizacións. “Houbo quen quedou dentro da fábrica de Citroen durmindo para non seguir as folgas e digamos que estas persoas foron “premiadas””, apunta Enrique Ordóñez. Se dentro do movemento obreiro había posicións diverxentes que levaban a posicionamentos encontrados, máis grave era ver como outros traballadores non se solidarizaban e entraban aos seus postos nas fábricas. “Si houbo enfrontamentos entre quen secundaba as mobilizacións e quen non” engade Ordóñez.

“En Álvarez conseguiramos introducir xente no Xurado de Empresa do Sindicato Vertical, non chegaron a postos relevantes, mais se chegabas a ter maioría dentro do Xurado negociábase o convenio” sinala Margarita Rodríguez. “Desde a Comisión Obreira en 1971 presentouse un anteproxecto de convenio” que non prosperara. A maioría de iniciativas fracasaban en parte a unha notable infiltración das forzas policiais (Brigada Político-Social) dentro do movemento obreiro. “Nas oficinas de Álvarez estaba o señor Nieto quen era un membro da Político-Social e cando te chamaba xa sabías para que era, facerche preguntas sobre ti e os teus compañeiros”.

Esta actitude tan belixerante agochaba o temor por parte do empresariado dun “contaxio” a nivel estatal. “As folgas de 1972 foron moi importantes, o empresariado comezou a mirar doutra maneira aos traballadores e traballadoras. Houbo informes que falaban do medo no empresariado a que a situación se expandise polo resto do Estado” di Margarita Rodríguez.

As mobilizacións en Vigo de 1972 conseguiron, para moitos e moitas das participantes, crear un ambiente de solidariedade entre a clase traballadora fronte a un empresariado reaccionario, moitas veces ligado en firme co réxime franquista. A solidariedade permitiu que moitos represaliados despedidos dos seus postos puidesen encontrar traballo posteriormente. Os mesmos feitos demostraron que Galicia non era o lugar de persoas submisas que concibían noutros lugares e que era posible levar adiante unha loita obreira en firme. O negativo é a falta de memoria nas novas xeracións que cada vez teñen condicións laborais precarias dentro do que os sindicalistas máis veteranos consideran “unha alienación” absoluta nunha sociedade consumista e sen valores. Aínda así, son optimistas e cren na posibilidade dun espertar por parte desas novas xeracións que precisan de recuperar a memoria sobre o acontecido hai cincuenta anos.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here