O ‘segredo’ do monte Aloia: un dos asentamentos fortificados máis grandes e descoñecidos de Galicia

O arqueólogo Mario Fernández Pereiro aporta “información inédita” sobre un xacemento “esquecido” que, cun “tamaño extraordinario e pouco común no noroeste peninsular”, foi ocupado “arredor do século V ou do VIII ao IX”.

Restos do sistema defensivo do antigo recinto fortificado postromano do monte Aloia / © Miguel Núñez.

No alto do monte Aloia, na serra do Galiñeiro, atópase “un dos asentamentos fortificados máis grandes e, paralelamente, máis descoñecidos, do noroeste peninsular”. Cunha extensión de aproximadamente 32 hectáreas, trátase dun “xigante altomedieval esquecido”, en palabras de Mario Fernández Pereiro, investigador da Universidade de Santiago de Compostela, quen presenta os primeiros resultados do estudo arqueolóxico que vén realizando neste lugar, co que tenta resolver algunhas das moitas incógnitas que aínda existen sobre este recinto.

Trátase, segundo Fernández Pereiro, “dun dos maiores asentamentos fortificados localizados en Galicia” (considerada por algúns a muralla antiga más grande de toda Galicia, cuns tres quilómetros de lonxitude, maior, por exemplo, que a muralla romana de Lugo), o cal “constitúe unha evidencia da reaparición da paisaxe fortificada tras a fin do imperio romano a comezos do século V”, e malia o cal, “apenas foi obxecto dunha investigación arqueolóxica en profundidade”. O seu descoñecemento é tal que está abandonado, sen protección de ningún tipo, sen sinalizacións nin catalogacións para protexelo e manter a súa conservación, e castigado polas desfeitas humanas.

O estudo presenta “información inédita” sobre un xacemento postromano único en Galicia, pero “esquecido” arqueoloxicamente

O arqueólogo presenta agora “información inédita” sobre un xacemento “esquecido” desde un punto de vista arqueolóxico, pois “apenas recibiu interese por parte da comunidade investigadora, tan só pequenas mencións inseridas en traballos máis xerais”, prosegue Fernández Pereiro, quen recorda que “só un conxunto de breves intervencións arqueolóxicas realizadas a comezos do século XXI tiveron a oportunidade de aportar algo de información, perdéndose esta polos exiguos resultados e a falta de interese do equipo técnico a respecto da entrega das memorias de intervención arqueolóxica”.

Restos do antigo recinto fortificado postromano do monte Aloia / © Miguel Núñez.

Ante este abandono e esquecemento arqueolóxico e administrativo, Fernández Pereiro traballou na caracterización morfolóxica e a análise arquitectónica deste asentamento, acompañando o traballo de campo e de técnicas dixitais cunha recompilación de datos históricos, para comprender a súa ocupación na época postromana e aportar información e datos que poden contribuír a resolver os misterios deste asentamento único no noroeste peninsular.

Pola súa extensión, estamos ante un “recinto fortificado dun tamaño extraordinario e pouco común no noroeste peninsular”, só comparable con “menos de media ducia de fortificacións que teñan un tamaño semellante: as capitais conventuais de Lucus Augusti –34 ha– e Bracara Augusta –44-50 ha– ou, no caso de recintos fortificados parecidos ao Aloia, e xa a moita distancia en canto a superficie ocupada, pódense mencionar os casos de Castro Valente –próximo a Iria Flavia, 10 ha– ou Castro Ventosa –Cacabelos, 5,5 ha–”.

O perímetro defensivo está conservado na súa case totalidade; porén, a situación da parte intramuros é diferente polas obras que se acometeron

PRINCIPAIS CARACTERÍSTICAS

O asentamento fortificado sitúase no cumio do monte Aloia e “confórmase como un dos máis grandes da Gallaecia”. A súa planta, explica o arqueólogo, ten unha orientación suroeste-nordés e divídese en dous recintos anexos e de diferente tamaño, o maior ao sur e o menor ao norte.

O perímetro defensivo está conservado na súa case totalidade. Porén, a situación da parte intramuros é diferente polas distintas obras que se acometeron: “construcións, o asfaltado do acceso ás proximidades da capela de San Xiao, as intervencións nos afloramentos graníticos –agora denominados miradoiros–, as grellas, mesas e bancos de pedra, a utilización de pedras –seguramente retiradas dalgunha construción do recinto– para marcar os camiños internos, a presenza de visitantes continuamente etc.”, describe Fernández Pereiro.

Monte Aloia / © Miguel Núñez.

A fortificación neste lugar responde a criterios estratéxicos dos que a construíron, tanto polo “custoso do acceso dende o fondo do val”, como polo feito de que “desde o alto do Aloia se obtén un amplo control visual sobre toda a contorna, sendo identificábeis os vales próximos, o da Louriña ao leste e o do Miño ao sur; a serra da Groba, o Val Miñor e a ría de Baiona ao oeste; ou as Illas Cíes e a bocana da ría de Vigo, a máis de 20 quilómetros ao norte”, explica o arqueólogo.

A isto hai que engadir que os diferentes afloramentos do sistema defensivo teñen “un control visual próximo dos sectores cara aos que están enfocados”.

“A construción dunha pista asfaltada destruíu o punto da muralla principal onde se localizaría a porta e un tramo da barbacá”

Dentro da fortificación, o recinto de maior tamaño engloba o Coto do Santo e todo o rechán ao sur deste, ocupando algo máis de 20 hectáreas (case os dous terzos da superficie total da fortificación).

Aquí, entre outros aspectos e elementos, o arqueólogo destaca a valgada situada cara o noroeste –entre o Coto do Santo e o cumio que recibe o nome de Forno do Carbón ou Alto do Forno– pola que discorre o regueiro Vilariño que conflúe co río Deique. Fernández Pereiro sostén que este “parece o punto orixinal de entrada a este recinto”, unha hipótese que “parte tanto pola morfoloxía do lugar, como pola construción dunha muralla que reforza este lugar”, argumenta.

“Mentres que a muralla principal rodea a valgada pola súa parte superior e continúa o seu trazado, este segundo lenzo atravésaa en liña recta, conformando un espazo triangular no medio dos dous trazados. Polo tanto, entendemos que esta segunda muralla está construída como reforzo do propio sistema defensivo da entrada”, aporta o experto.

Sobre o lugar no que cre que se debeu instalar a entrada principal do asentamento, lamenta que “na actualidade, a construción dunha pista asfaltada destruíu o punto da muralla principal onde entendemos que se localizaría a porta e tamén un tramo da barbacá [muro que se construía diante das murallas e máis baixo ca elas para defender unha fortificación]”.

Zona do monte Aloia onde se debeu erixir un recinto fortificado postromano / © Miguel Núñez.

O segundo recinto, describe Fernández Pereiro, ten unha forma irregular trapezoidal, anexándose pola zona nordés ao primeiro. A súa superficie ocupa unhas 12 hectáreas.

Fernández Pereiro pensa que foi construído para “fortificar a Pedra do Acordo e ter controlado o acceso ao recinto que provén do norte a través da dorsal” (a Pedra do Acordo é unha pedra en forma de pentágono situada nunha encrucillada de camiños que sinalaba os límites das freguesías de Malvas, Pazos de Reis e Rebordáns, en Tui; Morgadáns, en Gondomar, e Chenolo, no Porriño).

Esta fortificación é “unha excepción tipolóxica, xa que posúe un recinto principal e outro anexo”, algo que non se dá noutros asentamentos fortificados similares coñecidos

UN CASO EXCEPCIONAL

Fernández Pereiro resalta que a fortificación do Aloia é “unha excepción tipolóxica, xa que posúe un recinto principal e outro anexo”, algo que non se dá noutros asentamentos fortificados similares coñecidos, os cales “están configurados en base a un só recinto ou varios concéntricos”, como poden ser o caso de Castro Valente (Padrón), Faro de Budiño (O Porriño) ou varios exemplos coñecidos do val do Sil, describe o experto.

O primeiro recinto, segundo Fernández Pereiro, debeu utilizarse para “o establecemento de estruturas habitacionais, de almacenamento ou, incluso, culturais” nese espazo de 20 hectáreas

Mentres que sobre o recinto anexo, pensa que debeu ter unha función “diferente aos anexos coñecidos para os recintos fortificados prehistóricos, coñecidos como antecastros”, os cales, “por norma xeral, se sitúan nas zonas de acceso ao recinto principal”. Pero no caso do recinto anexo do Aloia, este “engloba unha superficie agreste, principalmente unha valgada, e non parece ser tan favorábel para a construción de estruturas habitacionais”, polo que defende que “este segundo recinto é a representación arquitectónica dunha segunda fase construtiva tras o remate, ou nun estado de construción moi avanzado, do recinto principal”.

A construción deste anexo de 12 hectáreas respondería, por un lado, á “necesidade de reforzar unha posición de fortaleza defensiva”; por outro, permitía “incluír intramuros unha fonte de auga importante”, o regueiro Vilariño, o cal “podería facilitar a posibilidade de que nesta zona existira unha zona de produción agropecuaria, permitindo a alimentación da poboación que habitara o recinto principal”, razona Fernández Pereiro.

Por outro lado, salienta que “a utilización de torres e entradas complexas permite observa que o equipo construtor do recinto defensivo tiña un coñecemento da arte da fortificación”.

O recinto pódese catalogar como un “castelo de primeira xeración”

DATACIÓN DO ASENTAMENTO

O único elemento material atopado que pode indicar unha época para este asentamento é a ampla presenza de tegula (tella romana), que “ten un abano cronolóxico de utilización dende o cambio de era até o século VII-VIII e.c., aproximadamente, sendo incluso posíbeis reutilizacións posteriores”.

Pero até hoxe só se pode “facer especulacións” sobre a cronoloxía do asentamento, cruzando datos referidos á presenza da tegula (sec. I ao VIII e.c), a mención á antigüidade da civitas do Aloia no documento de restauración da sé do bispado de Tui, aportando unha datación anterior ao século XI, e a tradición historiográfica e a investigación arqueolóxica que, como relata Fernández Pereiro, “asume que un recinto fortificado do estilo do Aloia non pode existir baixo o Imperio Romano” e, polo tanto, ten que ser posterior ao século V.

Ermida de San Xiao, no monte Aloia / © Miguel Núñez.

Fernández Pereiro cre que “é posíbel restrinxir o principal momento de ocupación para o recinto fortificado do Aloia entre os séculos V e VIII”, isto é, na primeira Alta Idade Media.

Dentro desta ampla cronoloxía, e seguindo a historiografía coñecida para este tipo de asentamentos fortificados, considera que este recinto se podería catalogar como un “castelo de primeira xeración”.

En base á data da fin da ocupación do aglomerado secundario romano de Tui a inicios do século V, Fernández Pereiro cre que a poboación puido terse desprazado dende o fondo do val ao alto do Aloia. Unha ocupación que, na súa opinión, puido estar “ligada a unha estratexia de control social e territorial por parte das elites locais tardorromanas”, pois “a desaparición do Estado romano creou un baleiro de poder aproveitado por estes grupos sociais para procurar obter o poder absoluto e permitir, paralelamente, por exemplo, exercer unha forte resistencia […] a outras elites (neste caso, as suevas) que pretendían imporse no mesmo espazo xeográfico”.

Outra posibilidade que considera o arqueólogo é ligar o asentamento do Aloia coa aparición nos séculos VIII-IX dos ‘castelos de segunda xeración’, cronoloxías que “se poderían xustificar pola reutilización de fragmentos de tegulae como ripio para a construción das estruturas interiores”.

“Este período histórico é aínda máis descoñecido que o do século V, mais a ocupación do Aloia se debería, seguramente, á desaparición do Estado visigodo e ao control de espazos rexionais por parte das elites locais. A aparición e o posterior establecemento dunha estrutura supralocal (como é o reino dos ástures) quitaríalle o sentido a este tipo de asentamentos fortificados”, explica Fernández Pereiro, quen tampouco descarta unha “dupla ocupación” nos séculos V e VIII, “como se vén documentando en asentamentos fortificados bastante parecidos como Peña Amaya ou Tedeja “, ambos os dous en Burgos.

Nas zonas mellor conservadas da muralla alcánzanse alturas de até tres metros, mentres que se documentaron anchuras de entre dous e case catro metros

Así, Fernández Pereiro identifica este recinto “dentro dos fenómenos puntuais do rexurdir da paisaxe fortificada ao longo da Alta Idade Media”. E máis concretamente, apunta que aínda que as investigacións previas identificaron a ocupación do Aloia entre os séculos V e X, el cre que “só é posíbel, dentro dese período, que este recinto se ocupara arredor do século V ou do VIII ao IX. Unha puntualización cronolóxica que “incide na relación deste tipo de asentamento coa desaparición dun poder supralocal (Imperio Romano ou Reino Visigodo) e a súa relación coa emerxencia dos poderes locais ao longo da Alta Idade Media”, argúe.

ANÁLISE ARQUITECTÓNICA

Entre outras características arquitectónicas, o arqueólogo destaca o feito de que na anchura das murallas se observan “variábeis sectoriais”. Así, no recinto sur documentou variacións entre os 2,40 e case 4 metros, mentres que no norte se conservan anchuras entre 2 e 3 metros. “En ningún dos sectores do sistema defensivo se conserva a altura orixinal dos lenzos, alcánzanse, nas zonas mellor conservadas, alturas de até 3 metros”, engade.

Subliña, tamén, que “parece que toda a muralla está construída a seco, xa que non se localizan restos de argamasa entre o material pétreo que as conforma nin é mencionado nos informes das intervencións arqueolóxicas”.

Tamén destaca a utilización dos afloramentos graníticos “como cimentación ou como punto de apoio, inicial ou final, dos tramos de muralla, reforzando estruturalmente o sistema defensivo”.

Os coñecidos hoxe como miradoiros puideron utilizarse “a modo de torres naturais” da fortaleza

Pero ademais do seu aproveitamento arquitectónico, estes afloramentos graníticos, utilizados hoxe como miradoiros, poida que naquela fortificación se utilizasen “a modo de torres naturais, xa non só pola fortaleza defensiva dos mesmos, senón polo control visual directo do sector onde se sitúan”.

A isto hai que engadir a “posíbel existencia de torres construídas entre as naturais”, o cal “indica unha intencionalidade de reforzar esa vontade defensiva, fundamentalmente no sector occidental, xa que é o máis próximo á valgada occidental onde conflúen as vías naturais de acceso”, expón o investigador.

POUCOS DATOS

Fernández Pereiro asume que os datos arqueolóxicos coñecidos sobre o asentamento fortificado do monte Aloia son “reducidos e/ou parciais”, e recoñece que a ferramenta metodolóxica da prospección arqueolóxica utilizada “non permite afondar, neste caso, en funcionalidade ou etapas cronolóxicas”.

Tamén lamenta que malia a posta en marcha de varias escavacións arqueolóxicas no lugar, houbo un “fallo na transmisión dos resultados” debido á “falta de memorias completas”, o cal fixo “complexo extraer datos e conclusións concluíntes”, di.

É por isto que, “na actualidade, o actual coñecemento arqueolóxico sobre o xacemento do Aloia permite coñecer a planimetría do seu sistema defensivo, mais non do seu interior, por non dicir o arriscado que é formular hipóteses sobre a súa funcionalidade ou cronoloxía”, admite o autor do estudo.

Con todo, a revisión historiográfica, documental e material que fixo Fernández Pereiro, xunto coas súas tarefas de prospección, “permitiron realizar unha planimetría detallada do sitio, aportando datos inéditos” e “actualizando” a realizada polo arquitecto e divulgador Jaime Garrido Rodríguez en 1987.

Un traballo que cualifica “un primeiro paso e estimulante de futuros traballos que amplíen información sobre este tipo de asentamentos fortificados e o momento histórico no que se insiren, tras o fin do Imperio Romano de Occidente e a transición política e social da Gallaecia dende unha provincia a un reino”.

Así, e de cara a avanzar na investigación sobre esta fortificación singular, o experto propón “realizar, dentro do posíbel, traballos arqueolóxicos en profundidade que nos permitan identificar secuencias de ocupación”, e nos cales inclúe “a exhumación de parte do sistema defensivo co fin de coñecer as diferentes, de existir, fases construtivas” e a “lectura de paramentos ou a realización de análises de morteiros e/ou sedimentos” que “permitiría afinar as cronoloxías.

Outra acción necesaria sería a “escavación en área do interior do recinto”, xa que nunha  campaña realizada en 2001 “soamente se interveu no interior das estruturas recoñecidas en superficie” e, “polo que coñecemos, non existiron resultados positivos no achado de cultura material e apenas se avanzou no coñecemento da tipoloxía construtiva”.

Fernández Pereiro estima que “a apertura dunha ampla zona permitiría, en principio, superar estas limitacións e coñecer a distribución interna do asentamento”.

Os primeiros resultados destes traballos de investigación veñen de ser publicados na revista científca Lucentum, nun traballo titulado ‘O recinto fortificado do Monte Aloia. Un xigante altomedieval esquecido’.

Restos do sistema defensivo do antigo recinto fortificado postromano do monte Aloia / © Miguel Núñez.

1 COMENTARIO

  1. Algunos autores ya venimos defendiendo la cronología alto medieval de estos protocastillos desde hace años ( Budiño, Galiñeiro, Aloia), poniéndolos en el contexto de las invasiones de pueblos germanos, las guerras civiles entre estos por el control del territorio y ya más tarde con los ataques vikingos y sarracenos. Serían áreas refugio y defensa para los habitantes y sus animales en momentos de peligro y no estarían permanentemente habitados. El Aloia por su magnífica ubicación daría cobertura a una gran parte de los habitantes del curso bajo del Miño. Deja entrever que la población galaico-romana del entorno de Tude surgió un poder local lo suficientemente fuerte como para dirigir y levantar tamaña fortaleza. Lo interesante sería averiguar cómo se insertó y evolucionó esos poderes locales tardorromanos en el mundo Suevo y Visigodo y siglos posteriores y como a partir del siglo IX estas fortalezas caen en desuso por la aparición y fortalecimiento de los nuevos reinos cristianos en Galicia y Asturias.
    Sobre este asentamiento hay una referencia interesante recogida la magna obra: La España Sagrada del clérigo Henrique Flórez Huidobro, más conocido como el Padre Flórez, un clérigo ilustrado del siglo XVIII (1701-1773), que llegó a publicar 29 volúmenes de la historia eclesiástica española, en la que su principal valor son los documentos originales a los que tuvo acceso; en su tomo XXII, capítulo I, sobre la Iglesia tudense escribe:

    El Padre Flórez escribre:

    [“…En este ameno Valle pone Sandoval (folio 4) el primitivo sitio de la Ciudad (Tui). Pero el mismo cita en el (folio 1o8) una Escritura del fin del Siglo XI que dice estuvo en lo alto: ” venitur in Castrum et ad montem Aloye ubi fuit Civitas antiquitus condita”. (“y se viene al castro y al monte aloya donde antiguamente fue fundada una ciudad”)
    En el (folio 5) refiere Sandoval los vestigios de antigua población en lo alto de la Sierra con muros de media legua en contorno que tienen Cubos y se ve donde estaban las puertas todo fortísimo Conocense cimientos de edificios y persevera en medio una Ermita dedicada al Martir S Julian no muy antigua pero tiene dice piedras de Jaspe preciosas que se trageron de fuera por no haber alli tales canteras…”]. No entiendo por qué los investigadores y universidades nunca han prestado verdadero interés a estos restos tan interesantes que aportan luz a periodos tan oscuros. Ya iba siendo hora de recorrer un camino abierto por cierto por el ya fallecido Jaime Garrido con su trabajo sobre las fortalezas del Baixo Miño.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here