InicioEconomíaA negra sombra do 'Prestige' persegue o dono de Povisa: foi acusado...

A negra sombra do ‘Prestige’ persegue o dono de Povisa: foi acusado de retrasar o rescate

Xornal de Vigo repasa o historial de José Silveira Cañizares, dono do hospital privado e de Remolcanosa, empresa acusada de ter feito negocio na catástrofe do 'Prestige' mediante tácticas escuras.

PUBLICADO O

José Silveira Cañizares, dono de Povisa —polémico hospital privado de Vigo, en preconcurso de acredores malia as súas contas millonarias e acusado de “chantaxe” á Xunta—, é un dos homes máis poderosos de España. Baixou en 2018 do posto 138 ao 152 na lista dos máis ricos do Estado preparada por El Mundo, pese a aumentar o seu patrimonio en 10 millóns de euros. Creador de Nosa Terra 21, un holding empresarial que aglutina Remolcanosa e a Naviera Elcano, conxuntamente move un negocio que chega aos 600 millóns de euros. 

Silveira non só ten un gran contrato coa Administración no sector da saúde, tamén no do salvamento marítimo, onde se podería considerar que posúe practicamente un monopolio no noso país, no que respecta aos remolcadores. Foi premiado coa Medalla de Galicia, e tamén é Vigués Distinguido, entre outros recoñecementos.

“Povisa representa unha diminuta illa no mar de negocios de José Silveira Cañizares. A compañía viguesa, en plena batalla coa Xunta polo concerto co Sergas, preconcurso de acredores incluído, non é nin de lonxe a única preocupación do empresario estremeño, fincado desde mozo en Galicia”. Con este descritivo parágrafo comeza unha información de Economía Digital que fala de como Silveira controla “unha cuarta parte da tonelaxe total dos buques cargueiros propiedade de armadores españois”.

Por un lado, coa Naviera Elcano, transporta petróleo, gas e outros produtos, e con Remolcanosa rescata embarcacións accidentadas. Ambas empresas aportan cada ano beneficios millonarios.

En 2017, Silveira foi entrevistado por Faro de Vigo, onde o definiron como alguén “pouco amigo das entrevistas e apartado dos focos mediáticos”, así como un “empresario feito a si mesmo”. Noutra entrevista para Televigo en 2013 dixo: “Non son de esquerdas nin de dereitas, son empresario”.

Ese mesmo ano, La Opinión de La Coruña preguntábase se houbo negocio por parte de Silveira, como presidente de Remolcanosa, no rescate do Prestige: “Sabía Fomento que Remolcanosa, ao servizo da Administración española nesta emerxencia marítima, tamén pechou un contrato coa armadora do petroleiro? Estas negociacións atrasaron o remolque e agravaron as consecuencias do sinistro nas costas galegas?”

“Dez anos despois da maior marea negra de Europa, estas incógnitas seguen sen resolverse e quen podía aclaralas -José Silveira Cañizares, propietario de Remolcanosa- aduciu razóns de saúde para non prestar declaración ante o tribunal que xulga o caso na Coruña”, lamentaba o xornalista.

Barcos de Remolcanosa/ Miguel Núñez

A versión oficial da traxedia, en cambio, culpa da tardanza o capitán do Prestige, Apostolos Mangouras, por desobediencia. Pero avogados acudidos naquela causa vían “indicios claros” de que houbo unha “negociación privada” para o uso do Ría de Vigo, propiedade de Remolcanosa e contratado pola Administración española para esta emerxencia. “A toma tardía (en máis de tres horas) do remolque puido deberse á consecución dun negocio privado”, advertía o letrado.

O certo é que “días despois de que o Prestige se partise en dous a 133 millas de Fisterra, José Silveira Cañizares foi acusado polo Ministerio de Fomento de tentar rendibilizar o rescate cando o Ría de Vigo fora contratado pola Administración española como adxudicatario para esta emerxencia marítima”, lembra dende La Opinión R. Prieto.

O 8 de decembro de 2002, un mes despois da catástrofe, o ministro de Fomento anunciara “accións xurídicas” contra Remolcanosa por suposto “incumprimento” do seu contrato de exclusividade no rescate do Prestige “por negociar co armador de costas ao Goberno un acordo con Smit Salvage cando acudiu ao rescate como remolcador público”. Pero o curioso non é xa que a denuncia de Fomento quedase en nada, é que semanas despois se renovou a concesión a Remolcanosa.

Xa en 2003 falaba El País do remolcador Ría de Vigo, “barco pertencente á empresa privada Remolcanosa que ten adxudicado en exclusiva o servizo público de salvamento marítimo nesa zona costeira por un millón de euros ao ano”.

Pero “apenas unha hora despois de poñerse ás ordes do seu patrón, o Estado, os donos da remolcador Ría de Vigo, que navega cara ao lugar do accidente, situado a 28 millas ao oeste de Finisterre, comezan a coquetear co que acabará sendo o seu patrón privado, a empresa holandesa de salvamento Smit Tak”, redactaba o xornalista a cargo da peza, Francisco Mercado.

A pesar de que era un traballo para un remolcador público, as empresas privadas de rescate, na procura de beneficios, decatáronse do accidente antes que o representante do dono do barco.

Barco de Remolcanosa/ Miguel Núñez

O xefe do petroleiro chamou a tres empresas de salvamento, gañando a oferta de Smit Tak. E esta empresa ofreceu o Charuca Silveira e o Ría de Vigo, ambos de Remolcanosa, segundo a información xornalística.

Nas horas seguintes, entre as iniciativas privadas e a pública, o proceso alóngouse máis do previsto, e o Ría de Vigo estivo durante un tempo en paradoiro descoñecido. Sucéderonse horas de confusas negociacións entre Smit Tak, Remolcanosa e a Qdministración española (Sasemar). Finalmente, Sasemar autorizOU o uso do Ría de Vigo e o Charuca Silveira por Smit Tak.

Así, Smit Tak enviou un fax anunciando que o Ría de Vigo formaba parte do seu dispositivo de salvamento privado. As cifras que se manexaron son que o Ría de Vigo chegou ás 18:00 horas ao costado do Prestige, e comezou a intentar o remolque ás 21:05, xusto cando Smit chamou a Remolcanosa e comunicou a luz verde da Administración para usar o remolcador, despois de tres horas de difíciles negociacións.

A versión oficial, non obstante, acusou o capitán de “resistirse a dar remolque”. O director xeral da Mariña Mercante chamara a Silveira nese tempo “para dicirlle que non podía ceder o seu barco a empresas privadas nesa emerxencia”.

Estímase que o Prestige derramou 63.000 toneladas de fuel e xerou 170.700 toneladas de residuos, que foron 1.137 praias contaminadas e morreron polo menos 115.000 aves mariñas, entre outros efectos.

Barco de Remolcanosa/ Miguel Núñez

Tras esta tratexia, Remolcanosa defendeuse das acusacións de Fomento de incumprir o seu contrato público ao negociar outro acordo para remolcar o petroleiro coa empresa holandesa de salvamento Smit Salvage, cando tiña adxudicado un contrato anual da Administración por 1,33 millóns de euros.

Pero o xornalista Francisco Mercado tamén coñecía un caso anterior, do 25 de xaneiro de 2001. Neste, o protagonista é o buque Ramdame Abane, que transportaba gas licuado e sufriu un accidente a 20 millas das costas galegas. 

E o organismo estatal Sasemar preparou o rescate cos remolcadores Ría de Vigo e Ibaizábal I, baixo contrato público. O remolque tardou case 12 horas en efectuarse dende o accidente, baixo sospeitas de Fomento e do presidente da asociación nacional de titulados de Náutica Pesqueira, entre outros. Abriron un expediente a Remolcanosa.

Sobre o caso do Prestige, cando o Ministerio de Fomento falaba de “incumprimento do contrato de exclusividade por negociar un prezo privado de rescate cando acudiu cun remolcador público”, Remolcanosa defendíase así: “Non negociamos un rescate privado no caso do Prestige, pero aínda que o fixésemos habería que coñecer as cláusulas do noso contrato para saber se podiamos ou non facelo. Porque hai que saber que se nós negociamos, Sasemar tamén cobra unha parte do rescate”.

Quedan moitas cuestións no aire. “Catorce horas e media pasou o Prestige á deriva fronte a Muxía, vertendo cru por un costado, mentres os remolcadores tentaban enganchalo. Tentábano? Aquel 13 de novembro, durante tres horas, a compañía de salvamento e o armador do petroleiro estiveron a negociar o prezo do rescate sen que Salvamento Marítimo fixese ao parecer nada por impedilo“, defendía Luis Gómez para El País en 2002.

Tanto no caso do Randame Abane como do Prestige quedan sombras escuras de falta de coordinación, supostos intereses privados, retrasos e preferencias. Finalmente, en 2015 o Tribunal Supremo decretaba dous anos de prisión para o capitán do Prestige por delito contra o medio ambiente. Foi o único condenado por unha das maiores catástrofes ecolóxicas en Europa.

ÚLTIMAS

Por que foi anulado o plan de urbanización do Barrio do Cura?

O xulgado do contencioso administrativo 1 de Vigo ditou sentenza pola que declara nulo...

Os 15 pediatras que obtiveron praza por concurso de méritos na área de Vigo teñen ata o 18 de abril para incorporarse

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou recentemente dúas resolucións que adxudicaron a 70...

Un milleiro de bailaríns, inscritos xa na XII edición de Vigo Porté, que traerá danza e música ás rúas da cidade a finais de...

Un milleiro de bailaríns inscribíronse xa na XII edición de Vigo Portei, desde que...

Constitúese a plataforma “Vigo verde -Salvemos a Barrorca” para rexeitar a talla da Carballeira de Casaliños en Navia

"Este mesmo domingo 17 de marzo, a plataforma "Vigo verde -Salvemos a Barrorca" organiza...