InicioEconomíaXunta condiciona a inauguración da estación de buses de Vigo o 1...

Xunta condiciona a inauguración da estación de buses de Vigo o 1 de agosto a que o Concello poña en servizo os accesos

O alcalde insiste en que a apertura non se atrasará "nin un minuto" polas obras municipais, das que non dá data de finalización.

PUBLICADO O

A Xunta de Galicia prevé pór en marcha o próximo 1 de agosto a nova estación de buses de Vigo, no complexo intermodal de Urzáiz, e instou o Concello a que confirme a finalización e posta en servizo dos accesos necesarios para facer posible esa apertura.Así o trasladou a delegada territorial do goberno galego, Marta Fernández Tapias, quen sinalou que a nova terminal poderá porse en funcionamento nesa data “se o Concello cumpre os prazos establecidos”.

Este luns, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade remitiu un escrito ao goberno local para solicitarlle que confirme que, ese 1 de agosto, “estarán en servizo os accesos necesarios, tal e como comunicou na comisión de seguimento do 2 de xuño, e dispón por tanto da autorización pertinente do Ministerio de Transportes”.

Segundo explicou Fernández Tapias, cando o Concello confirme ese extremo, a Xunta activará o traslado das rutas desde a estación de buses da Avenida de Madrid e o proceso de información a concesionarias e usuarios “con antelación suficiente”.

“Por que motivo non ía querer a Xunta pór en servizo unha estación de buses finalizada despois dun investimento de 18 millóns de euros?”, cuestionou a delegada, que pediu ao Concello que traslade a confirmación antes do 4 de xullo, “con papeis”, e a autorización do Ministerio de Transportes.

As obras da estación intermodal de Urzáiz están terminadas e recepcionadas desde o pasado 10 de xuño e, do mesmo xeito que o resto do complexo, fixéronse ao amparo da lei 3/2016 (que permitía levar a cabo proxectos de interese público eludindo as consecuencias da anulación da PXOM).

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez,  explicou o proceso de construción dos dous tramos de túneles que corresponden á Xunta, e as entradas en superficie, sen as que non se pode pór en servizo a estación.

O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, pola súa banda, sinalou que o Goberno galego puxo en servizo recentemente outras estacións de bus novas, como as de Ourense e Santiago, “sen problemas e sen conflitos”. “Os usuarios da estación de buses de Vigo poden estar tranquilos, porque van dispor de toda a información sobre o cambio, e vana a ter coa anticipación suficiente, do mesmo xeito que o Concello”, subliñou.

“NIN UN MINUTO DE ATRASO”

Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, sinalou que a Xunta poderá pór en marcha a nova estación de buses “cando decida”, sempre que cumprimente todos os trámites, e incidiu en que, polas obras do Concello, non haberá “nin un minuto de atraso”.

O rexedor arremeteu contra a “ignorancia” de quen reclama a apertura dos túneles para pór en funcionamento a estación de buses, aínda que o goberno galego non se referiu unicamente a eses túneles, senón á necesidade de rematar os accesos e o entroncamento coa AP-9.

Con respecto á autorización do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (que debe tramitar a administración local) para dar luz verde á reordenación do tráfico e ao remate dos traballos, Caballero afirmou que non sabe “o que di o Ministerio” pero que, en calquera caso, a apertura da terminal de buses “non se atrasa nin un minuto polo Concello”. “O que temos aí, faise en 3, 4 ou 5 días”, apostilou.

Finalmente, preguntado sobre o prazo de finalización das obras que leva a cabo a administración municipal, o alcalde volveu repetir que a aparición de “terras sucias” na escavación do túnel de Lepanto atrasou e encareceu os traballos. “Todo iso resolverase canto antes, non vou dar datas, pero a estación de buses non depende diso”, volveu insistir, e a lembrar que a entrada e saída de buses da terminal “non se fai polos túneles”.

ÚLTIMAS

Outro motorista, de 21 anos, morre tras chocar contra un coche en Gondomar

Un mozo, I.D.L. de 21 anos de idade, perdeu a vida na madrugada deste...

Outra vez retencións na AP-9 ao seu paso por Vigo por un accidente entre dous camións

Un accidente entre dous camións na autoestrada AP-9 ao seu paso por Vigo provocou longas retencións...

Catro anos de cárcere para un agresor sexual reincidente que agarrou as nádegas e bicou a unha menor nun portal de Vigo

A Audiencia Provincial de Pontevedra impuxo unha pena de catro anos de cárcere para...

Abel Caballero ve no novo expediente da UE “a gran ocasión” para lograr a gratuidade total da AP-9

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, ve o novo expediente de infracción que a UE...