InicioEconomíaSergio Gálvez: "Aquí non hai unha política como noutras nacións onde o...

Sergio Gálvez: “Aquí non hai unha política como noutras nacións onde o estado participa de maneira importante no sector naval”

Sergio Gálvez é o presidente do comité de empresa no estaleiro Barreras. Ante o peche das ofertas de compra do estaleiro vigués, as cuestións que xorden son se o comprador terá proxectos de futuro e viabilidade así como unha mellora en cuestións de tecnoloxía. Outra cuestión que se pon sobre a mesa é a necesidade dunha maior presenza do Estado para fortalecer o sector que, nestes momentos, está tendo por diante unha forte competencia por parte doutros países onde os gobernos si interveñen e dan facilidades á construción naval.

PUBLICADO O

-Desde o comité de empresa como se examina todo o proceso que leva vivido Barreras até o momento actual en que aparecen posibles compradores?

Todos os pasos que se estiveron dando desde hai tempo estaban encamiñados a crear unha venda. Sabiamos da decisión de vender e sabiamos tamén que para fin de ano, cando acabase a moratoria concursal, puideran vender. Por tanto, o que vemos é a materialización da folla de ruta e con iso contabamos e tamén esperabamos.

-As últimas noticias apuntaban a tres estaleiros como posibles compradores.

Non, hai máis, non sabemos cantos, máis o número é maior. Houbo unha selección de entre sete ou oito e deles quedaran catro ou cinco posibles compradores. Alén diso, non coñecemos o número de propostas que chegaron até o venres pasado, o último día para presentar iniciativas.

-Cal é a especialización ou o selo distintivo de Barreras para atraer compradores?

Primeiro, ser un estaleiro con máis de cen anos, maior atractivo que ese non existe. Durante todos estes anos Barreras arriscou en moitas especialidades de mercado, duns saíu mellor e doutros non tanto, por exemplo o tema dos cruceiros, ese non resultou ben. Mais eu non vexo que fose por cousa do estaleiro senón por circunstancias como a dun armador recén chegado ao mercado coa súa primeira tentativa para facer este tipo de barcos. Se as dúas partes non se integran e non saben cal debe ser o resultado final, dificilmente ese investimento podería ser rendible. Aquí houbo unhas circunstancias e a maior é que o armador non tiña definido o proxecto e aínda hoxe está a facer cambios. É un tipo de barco luxoso sobre o cal se fan cambios constantes buscando a calidade e mellora. Por tanto é difícil finalizar un produto cando non está definido.

Non coñecemos o número de propostas que chegaron até o venres pasado, o último día para presentar iniciativas

-Como se vería afectado o cadro de persoal de Barreras ante a compra?

Agora mesmo Barreras ten 124 traballadores en nómina. Que sucede? A perspectiva de produción en Barreras pode ser de dous barcos e medio cun número variable de traballadores entre 800 e 2.000. Se estivesemos nese punto de produción, entre traballadores do estaleiro, auxiliares, empresas que traballan dentro e fóra do estaleiro, aí poderiamos falar de 2.500 ou 3.000 traballadores. Houbo momentos cunha produción de seis barcos ao mesmo tempo e con máis de tres mil traballadores, directos e indirectos. O propio cadro de persoal de Barreras é un cadro moi técnico que actúa fundamentalmente en control do traballo. Non hai persoal de oficio, de soldadores, caldeireiros e outros oficios. Barreras ten en nómina sobre 30 ou 40 traballadores que son enxeñeiros, tamén hai economistas e avogados, por tanto dentro queda a xestión técnica e económica.

Durante todos estes anos Barreras arriscou en moitas especialidades de mercado, duns saíu mellor e doutros non tanto

-Este período de venda e de tirapuxas, impediu a renovación tecnolóxica de Barreras?

Cando chegou PMS da man de García Costas si que se fixo un bo investimento. Adecentáronse moito as instalacións e mellorando parte da maquinaria. A tendencia dentro dun estaleiro é a mellora constante da calidade, por tanto, paralizar o lugar de traballo fai que non evolucione en moitos aspectos. Mais hoxe en día, Barreras non está teconoloxicamente desfasado, é certo que se poderían incorporar novas tecnoloxías e robótica, mais non é a única empresa que ten a necesidade de asumir as últimas tendencias en tecnoloxía. Hai moitas outras empresas do sector con moito camiño por percorrer nese sentido. Isto non é como a automoción onde existe unha capacidade tecnolóxica moi pensada para as cadeas de montaxe, mais a construción naval é un mundo moito máis complexo. O barco vai progresando e a robótica é difícil de meter no barco salvo algúns temas concretos.

-Isto impide competir con estaleiros doutros países, por exemplo, estaleiros europeos?

Eu non vexo unha política de competencia. Aquí non hai unha política de país como noutras nacións onde o estado participa de maneira importante pois o sector naval para eles tamén é moi importante. Países Baixos, Italia ou Alemania teñen unha política de estado que inviste no sector naval e aí entrar na produción de grandes cruceiros e buques moi semellantes. En España durante os últimos anos houbo un recorte na construción naval, houbo unha reconversión que para os sindicatos chegou “pola parte de abaixo” e non pola parte directiva, de cadros. Estes últimos son quen deben facer atractiva e competente unha empresa. Dentro do caso europeo hai varios consorcios con varias plantas arredor de Europa e apostan polo desenvolvemento da construción naval. En España non o vían tan claro, hai grandes factorías da parte pública restrinxidas á parte militar. No caso italiano hai grandes cruceiros e a parte militar. Os cruceiros tamén poderían vir a España, mais iso precisaría dun investimento importante como na automoción. A diferenza por tanto é que haxa unha política de estado para consolidar eses estaleiros e teñan futuro. Para meterse en grandes cuestións é necesario o apoio do estado. No caso de Barreras apostouse por un proxecto cun custe de máis de 200 millóns mais dentro dun segmento que en España non existe, un segmento moi competitivo e con todo, o que máis marxe de beneficio pode deixar.

-De cara a competir mellor, cales son as seccións do estaleiro que deberan presentar melloras tecnolóxicas?

A robotización dos obradoiros e do traballo en bloques ademais dunha maior presenza das novas tecnoloxías. Tamén se pode apostar por sectores, como crear holdings de corte ou doutros sectores. Creo que se pode ser máis competitivo se se fan apostas en común por parte dos estaleiros. Hai grandes proxectos en que se pode ir conxuntamente entre dúas empresas, como os muíños eólicos mesmo incluído estaleiro público. Logo tamén se pode mellorar e modernizar en deseño.

Hoxe en día, Barreras non está teconoloxicamente desfasado, é certo que se poderían incorporar novas tecnoloxías e robótica

-A que se debe esa falta de investimento no sector naval por parte do Estado?

Pois porque é un sector mal visto, pois non todos os investimentos resultaron óptimos. Para min é o que apuntei antes, falta un plus de investimento na parte de dirección das empresas. Non pode ser que os estaleiros cada pouco creben, isto non é responsabilidade dos traballadores senón de quen decide sobre a xestión. Cando hai perdas é por sistemas produtivos mal ideados.

-Entón é posible deducir que desde a parte máis administrativa non se molestaron en buscar apoios no Estado?

Noutros estados onde hai construción naval hai grandes lobbies. Aquí non hai un lobby esixindo de maneira constante apoios para o sector naval. A visión pública é a do sector naval como unha área en decadencia, onde en vez de investir máis se inviste menos cando é un terreo cunha alta produción de emprego, ademais permite que persoas cun alto grao de fracaso escolar poidan aprender un oficio. Tampouco FP ten ramas de naval, cando a FP non se dirixe a esa área é que non hai unha aposta directa por ese sector.

Creo que se pode ser máis competitivo se se fan apostas en común por parte dos estaleiros

-Pediriades á empresa compradora que buscase os apoios do Estado?

A min é o que me gustaría. Se vén pedir fondos públicos, que é a miña sensación, se os pide serán para pór todo en marcha. O que si quero deixar claro é que o diñeiro público non se destina a fondo perdido, son recuperables. Barreras cando pediu diñeiro eran con devolución, en España non hai créditos a fondo perdido. Quitando fondos I+D+i que si van ao estaleiro, o resto de fondos outorgados van parar ao armador. Por tanto, nós si quereriamos unha participación pública, iso daría unha garantía para profesionalizar as decisións para manter o emprego e o futuro do estaleiro. Todo iso estaría supervisado polo estado.

-Non obstante hai alumnos galegos de FP que van traballar a estaleiros de fóra.

Porque non queda outra. Normalmente o que estuda para soldadura busca outras ramas profesionais, pois os estaleiros non dan carga de traballo para ter unha longa carreira profesional. As empresas auxiliares non dan moita oportunidade porque os estaleiros entran en crise case constantemente. Ese foi o caso de Barreras con auxiliares con cadros de case 200 persoas. Iso é o contrario do que está acontecendo en Europa onde hai carga de traballo. España perdeu ese tren, agás en ferris ou barcos especializados como os oceanográficos, mais isto non crea a man de obra que se desexaría.

-Desde o comité de empresa tedes algunha empresa “favorita” para comprar Barreras?

Nós pedimos que veña un proxecto con futuro e non especulativo, que utilice as dúas gradas, os carros e os obradoiros estean funcionando. Todo isto non só por Barreras senón polo impulso e a forza que xera a empresa ao sector naval e ao traballo en xeral en Vigo. Queremos que veñan proxectos solventes mais somos conscientes da complicación disto durante os primeiros momentos. E por suposto, manter os postos de traballo. Favoritos? Quen veña coa mellor intención. Se é español mellor, sen ter que ir ao estranxeiro como aconteceu co tema de México, algo de primeiras moi positivo e logo non saíu tan ben. O caso é poñer capacidade de sobrevivir para Barreras e ás auxiliares.

nós si quereriamos unha participación pública, iso daría unha garantía para profesionalizar as decisións para manter o emprego e o futuro do estaleiro

-Un bo investimento podería recuperar o hábitat da industrial naval en Vigo?

Iso é unha perspectiva de anos. Se non é de anos, se vas indo e vindo, iso acaba co proxecto. Un barco ten de media vinte e tantos meses de vida para traballar e contratar persoal para darlles un futuro. Cando o ritmo é hoxe funciono, mañá meto un ERTE e logo envío ao paro, a xente así non o soporta. O sector naval é un sector con perspectiva de anos e o traballador que traballa no naval está a gusto no sector, iso si, cunha seguridade de vida.

-Chegado o novo propietario, que puntos queredes negociar con el desde o primeiro momento?

Gustaríanos que viñese con aposta polo sector e con proxectos innovadores. Se as novas políticas empresariais van ser aplicadas sobre salarios e condicións, aí teriamos un enfrontamento. Tamén recoñecemos que cando todo se poña en marcha hai que facilitar as cousas ao comprador. Cando asinamos o ERTE fixémolo coa visión dun ano, pois entre a posta en marcha e o funcionamento iso é cuestión de meses. O comprador necesita certa tranquilidade para o período de asentamento até que comeza a moverse.

-Quen está facendo de intermediario entre Barreras e posibles compradores?

Nestes momentos está sendo Kroll, pola parte privada, son especialistas neste tipo de xestión e que aplicaba o modelo pre-pack, os fondos pasivos deixalos apartados e logo vender a unidade produtiva. Son auditores e xestores neste tipo de situacións, hai unha libre concorrencia da que esperamos un proxecto viable como gañador.

Cando asinamos o ERTE fixémolo coa visión dun ano, pois entre a posta en marcha e o funcionamento iso é cuestión de meses.

-Barreras ten algún tipo de limitación dentro das súas liñas de traballo, ten limitada a produción dalgún tipo de buque?

Non, Barreras pode facer o que queira, isto non é Navantia. Nós non temos freo para ir a calquera tipo de buque, pós ti a túa capacidade. En España non hai límite de construción, pode haber de toneladas asignadas, mais Barreras cumpre perfectamente as súas necesidades.

-Agora mesmo cales son os grandes competidores en construción naval?

Non só para Barreras, mais existen competidores como China, Turquía, antes Corea, Rusia e todos onde a man de obra é barata e hai unha intervención estatal moi potente, que é garante e avalista. China vai facer trasatlánticos mesmo con perdas. Todos estes países desenvolven moi fortemente este sector.

ÚLTIMAS

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...

Poñen marcha un servizo de aluguer de bicis eléctricas en Vigo, dispoñibles en sete aparcadoiros da cidade

A compañía Welgood puxo en marcha un servizo de aluguer de bicicletas eléctricas en...