Muface instalará a súa primeira oficina dixital deslocalizada en España na Zona Franca de Vigo

Estará en Bouzas.

A directora de MUFACE, Myriam Pallarés, e o delegado da Zona Franca de Vigo, David Regades, asinan un contrato de arrendamento para o traslado da oficina delegada desta mutua a Bouzas / Zona Franca.

A directora xeral de Muface, Myriam Pallarés, e o delegado do Estado en Zona Franca de Vigo, David Regades, subscribiron este luns o contrato de arrendamento das instalacións, en Bouzas, onde a mutua abrirá a súa primeira oficina dixital deslocalizada en España.

Este contrato entrará en vigor o 1 de decembro e a apertura da oficina, que albergará a delegación, supón afianzar a aposta de Muface pola descentralización e a igualdade de acceso aos servizos públicos.

O traslado da sede a Bouzas permitirá mellorar os servizos da oficina de Vigo, xa que será a primeira sede automatizada de prestacións, que traballará para todo o territorio estatal e abrirá as súas portas en xaneiro. Así, os mutualistas poderán pedir cita previa desde o 20 de decembro.

A oficina estará nunha planta baixa que está a ser acondicionada actualmente para ofrecer un espazo máis accesible, luminoso e con óptimas condicións de traballo e atención presencial.

Muface informará aos mutualistas sobre o traslado da oficina delegada, que se enmarca nas liñas estratéxicas do Plan Muface Avanza 2021-2023.