Luz verde ao primeiro Plan Xeral de Ordenación Municipal de Ponteareas

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinou este venres a orde.

Firma da orde pola que a Xunta aproba o primeiro Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Ponteareas, con presenza da conselleira Ángeles Vázquez e da alcaldesa, Cristina Fernández / MVR.

A Xunta de Galicia aprobou este venres o primeiro Plan Xeral de Ordenación Municipal do concello de Ponteareas, un documento adaptado á normativa urbanística vixente.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinou este venres no Concello de Ponteareas a orde pola que se dá luz verde ao plan urbanístico desta localidade, nun acto no que estivo presente a alcaldesa, Cristina Fernández.

Ponteareas súmase así á lista de máis dun cento de localidades que contan con PXOM en Galicia, e ten a partir de agora unha ferramenta que permite concretar o seu urbanismo e as súas previsións de crecemento sustentable e equilibrado durante os próximos 16 anos.

Vázquez subliñou que este venres “se recollen os froitos dunha tramitación que comezou hai 17 anos” e “comeza unha nova etapa” para este concello, de case 23.000 habitantes e 24 parroquias.

Para elaborar este documento urbanístico houbo que estudar en detalle os máis de 125 quilómetros cadrados deste termo municipal, no que case o 90 por cento de superficie é chan rústico.

Así, a PXOM garante a preservación da paisaxe e o territorio rural, xa que prevé a realización dun catálogo específico dos espazos e elementos máis sobresaíntes do patrimonio cultural. Isto tamén axuda a planificar os emprazamentos de novas zonas produtivas, empresariais e terciarias, así como os novos sistemas estructurantes de comunicación e das infraestruturas urbanas.

Pola súa banda, a alcaldesa, Cristina Fernández, destacou que o novo Plan Xeral “marcará un antes e un despois para Ponteareas”, e para os proxectos que están “á espera”, porque permitirá un impulso importante para o tecido social, cultural, empresarial e económico.