InicioEconomíaO pleno de Vigo reclama "medidas urxentes" para defender o naval coa...

O pleno de Vigo reclama “medidas urxentes” para defender o naval coa abstención de PP e PSOE

Só BNG e Marea defenden esixir a Xunta e Goberno central actuacións para afrontar a crise do sector.

PUBLICADO O

O pleno de Vigo reclamou á Xunta e o Goberno central a adopción de “medidas urxentes” para afrontar a crise do naval e defendelo mediante senllas mocións impulsadas por BNG e Marea de Vigo ante as que se abstiveron os edís do PP e o PSOE.

Nunha sesión ordinaria celebrada este mércores, o portavoz de Marea de Vigo, Rubén Pérez, urxiu a entrada no accionariado de Hijos de  J. Barreras da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) como “paso previo” á comprobación dunha posible ” descapitalización” do patrimonio que “requira a intervención” do estaleiro.

Ademais, pediu á corporación local rexeitar as “prácticas” do Porto de Vigo en relación á concesión dos terreos das antiga Factorías Vulcano, cuxa extinción foi acordada polo consello de administración. Así, demandou que o Concello “se plante” ante a situación do sector e considerou que as mocións debatidas permitirán “abrir un período de reflexión” sobre “a última oportunidade para evitar a desaparición do sector”.

Pola súa banda, o concelleiro do BNG, Xabier Pérez Igrexas, puxo o foco nos “atrancos” do Porto á actividade naval e a “incapacidade do capital privado” para “garantir a continuidade” da mesma en Barreras. Por iso, opúxose a “seguir apontoando con diñeiro público” a “nefasta xestión” do estaleiro de Bouzas, para que o que “a solución é a intervención”.

Nesta liña, Pérez Igrexas reprobou a “ausencia” da Xunta e a ” inacción” do Goberno ante a situación do naval e instounos actuar de modo inmediato “para evitar o desastre”. Tamén pediu activar a mesa do naval da ría de Vigo.

PSOE E PP

Mentres, o concelleiro socialista Abel Losada cuestionou que unha intervención pública represente “a maneira máis adecuada” de afrontar a situación dos dous principais estaleiros privados da ría, xa que “non garante a viabilidade empresarial de forma inmediata”. Así, remarcou que “non se pode pedir” ao Goberno de España “un saco sen fondo” nun momento de “recursos escasos” e defendeu que resulta “fundamental” que os fondos públicos “se utilicen cunha mínima seriedade”.

A  edila ‘popular’ Teresa Egerique puxo en valor as liñas específicas de préstamos postas en marcha polo Igape para a industria auxiliar por valor de 12,9 millóns de euros e insistiu na necesidade de que Barreras presente un plan de viabilidade, mentres lembrou que o Porto de Vigo comprometeu que se apostará pola actividade industrial para os antigos terreos de Vulcano cando se saque a concurso a concesión.

Así mesmo, xustificou a abstención do Grupo Municipal Popular por aspectos da moción como a demanda da posta en marcha dunha mesa do naval da ría, para o que, ao seu xuízo, en primeiro lugar “habería que saber se o sector está interesado”.

ÚLTIMAS

Vigo supera de novo os 300.000 habitantes, “de longo a maior cidade de Galicia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a cidade volveu a superar os 300.000 habitantes...

Case nove de cada dez usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes dos 18 anos

Preto do 88% dos usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes...

O BNG de Vigo pide ao Concello a mobilización de 200 millóns de remanentes ante a “ameaza” de bloqueo este ano

O BNG de Vigo urxiu ao goberno local de Vigo que mobilice uns 213...

Abel Caballero celebra a chegada da moi alta tensión eléctrica á cidade: “É o que Stellantis e a cidade quería”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, celebrou este mércores o anuncio da aprobación no Consello...