InicioEconomíaCC.OO e UGT piden reunirse de novo coa Xunta ante a "grave...

CC.OO e UGT piden reunirse de novo coa Xunta ante a “grave situación” da dependencia

Os sindicatos lamentan que a día de hoxe a Xunta non conteste ás súas propostas e afirman que o goberno autonómico abandona as súas obrigas.

PUBLICADO O

- Advertisement -

As federacións de xubilados e pensionistas de CC.OO. e UGT volven solicitar unha reunión coa delegada da Xunta en Vigo, ante a “grave situación” do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia (SAAD), especialmente dos usuarios de residencias.

Así, representantes de ambos os sindicatos concentráronse ante a delegación territorial do goberno galego na cidade olívica para lembrar que levan “anos” denunciando os problemas deste colectivo e que non tiveron resposta dende que, o pasado 18 de decembro de 2019, entregasen un documento na delegación da Xunta coas súas propostas para abordar a situación.

Estes sindicatos propoñen “reverter” a dependencia que eses servizos de atención teñen do sector privado, e potenciar a atención pública coa creación de 400 prazas na comarca de Vigo “para atender as necesidades urxentes”. Nesa liña, urxen medidas para acabar coa “escandalosa situación das listas de espera”, para o que é “necesario pasar do ámbito da xurisdición administrativa á xurisdición social”.

As federacións de pensionistas de CC.OO. e UGT tamén apostan por pór en marcha un servizo “eficaz” de inspección nas residencias de maiores e mellorar as condicións laborais dos seus traballadores, así como os cocientes de persoal por cada praza de usuario. A estas demandas únese a petición de crear o Consello Galego de Persoas Maiores.

Segundo denunciaron os sindicatos, a Xunta non respondeu a estas formulacións a día de hoxe e a pandemia de Covid-19 non fixo outra cousa máis que “pór de manifesto outras graves deficiencias do SAAD, sobre todo na xestión sanitaria”, que se saldaron con “miles de mortos nas residencias en condicións de falta de atención médica, abandono e soidade”.

Ademais das propostas presentadas hai un ano e medio na Delegación Territorial da Xunta, os sindicatos lembraron que tamén presentaron unha proposta de plan de choque o pasado 9 de novembro que contempla, entre outras medidas, a creación dunha comisión de investigación parlamentaria sobre o ocorrido nas residencias durante a pandemia, restablecer as consultas presenciais e reforzar a Atención Primaria, ou a elaboración dun protocolo antiCovid.

“Vemos con sorpresa e preocupación que a Xunta segue sen dar respostas”, lamentaron os sindicatos, que advertiron que o “novo modelo” anunciado pola administración galega para as residencias, evidencia que “fai abandono das súas obrigacións” e “a entrega como mercadoría para beneficio do sector privado”, das que “DomusVi é un singular exemplo”.

ÚLTIMAS

Absolto o acusado de violar a unha moza durmida pola falta de consistencia da versión da denunciante

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, ditou sentenza na que...

A xuíza acorda o arquivo da causa contra o detido na rúa Mestre Montes por agredir supostamente á súa nai cun garfio

A xuíza de instrución 2 de Vigo acordou o sobresemento e arquivo das actuacións...

Detidos dous homes na rúa Cánovas del Castillo por supostos roubos con forza no interior de 15 coches estacionados

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo detiveron a dous homes como presuntos autores de...

Detido na rúa Uruguai tras lesionar a unha viandante, á que golpeou cunha lata de cervexa, causándolle un corte na tempa

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un home de 45 anos de idade, J.K.V.,...