InicioEconomíaUn estudo identifica o Val Miñor como unha das mellores áreas para...

Un estudo identifica o Val Miñor como unha das mellores áreas para a eólica mariña en Galicia

Un estudo de Asime identifíca A Mariña, Punta Langosteira e Val Miñor como as áreas con maior potencial. Calcula que podería xerar, de aquí a 2030, 5.000 empregos directos.

PUBLICADO O

O Galician Offshore Energy Group (GOE) de Asime presentou este xoves en Vigo un informe sobre as potencialidades e o desenvolvemento da eólica mariña en Galicia e desvela que esta actividade pode xerar, de aquí a 2030, 5.000 empregos directos, e producir 17.000 xigavatios, á vez que identifica tres zonas potenciais para a instalación: A Mariña-Xove, Punta Langosteira-Sabón e Val Miñor-Atios.

Así o trasladaron os responsables do GOE e de Asime nun acto celebrado en Vigo e no que participou o vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde.

O presidente de Asime, Justo Sierra, subliñou que a eólica mariña “é unha oportunidade sen precedentes para Galicia“, xa que pode ser “clave para afrontar os retos” futuros, como reducir a dependencia enerxética doutros países, dar resposta ao incremento de demanda no consumo eléctrico e contribuír á descarbonización.

“Desde o GOE-Asime levamos anos insistindo na relevancia da eólica mariña, non podemos deixar pasar esta oportunidade. Temos o recurso natural e a capacidade da nosa cadea de valor. A pregunta non é se debemos implantala, senón onde e como“, proclamou.

ESTUDO E PROPOSTAS

O asesor técnico do GOE, Pedro Pérez, pola súa banda, explicou que, na elaboración do estudo, tivéronse en conta “todos os condicionantes” á hora de valorar posibles enclaves nas costas galegas para instalar os parques eólicos mariños.

Nese sentido, habería zonas que non serían compatibles con esta actividade, como aquelas dedicadas á acuicultura, zonas de pesca, espazos protexidos ou áreas afectadas por actividades como transporte marítimo, exercicios das Forzas Armadas, infraestruturas de petróleo ou gas, investigación científica, actividades recreativas e turísticas, etc.

Ademais, o informe tamén ten en conta as condicións que deben cumprir as áreas que alberguen instalacións de eólica mariña, como a profundidade do leito mariño, a existencia de rede con capacidade para evacuar a enerxía que se produza, a dispoñibilidade de recurso eólico, ou a proximidade a polos consumidores ou industria electrointensiva.

Como resultado de todas estas análises, o estudo do GOE-Asime conclúe que hai tres zonas concretas do litoral galego con potencial de instalación a curto prazo: A Mariña-Xove, Punta Langosteira-Sabón e Val Miñor-Atios. “En todas elas, é viable a instalación de eólica mariña ata o 38 km da costa, sendo sempre prioritaria a instalación a partir de 8km para evitar a visibilidade desde terra”, explicou Pedro Pérez.

O potencial bruto de instalación chegaría ata os 96GW, pero o estudo contempla escenarios máis realistas de densidade eólica baixa ou media. Isto implicaría instalar entre 1,5 e 4GW, que xerarían ata 17.000 GW h/ano e crearían entre 1.000 e 5.000 empregos directos dependendo da densidade instalada, producindo así mesmo un efecto tractor en máis de 200 empresas.

POTENCIAL DE GALICIA

Pola súa banda, Francisco Conde destacou o potencial e a capacidade instalada coa que conta Galicia para impulsar esta enerxía renovable e puxo en valor o interese do tecido produtivo por desenvolver proxectos vinculados a este sector.

Segundo lembrou o vicepresidente económico, tanto o marco nacional como o europeo convidan a profundar nas posibilidades da eólica mariña, e mostrou a vontade da Xunta para avanzar nese camiño, “sempre da man do sector industrial, do marítimo-pesqueiro e das entidades e organizacións vinculadas a esta actividade”.

Nese sentido, apuntou que a “prioridade” é o “diálogo”, o consenso e a transparencia para garantir que o desenvolvemento desta tecnoloxía realícese “desde o respecto, o equilibrio e a compatibilidade coas actividades pesqueiras e a preservación do ecosistema mariño”.

Así mesmo, lembrou a predisposición da Xunta a constituír un observatorio que sexa un “punto de encontro” para o diálogo entre administracións, sector e axentes sociais.

Por outra banda, tamén incidiu en que os fondos Next Generation serán “unha gran oportunidade” para este tipo de proxectos e, de feito, a propia Xunta recolle, dentro das propostas do Pacto de Estado por Ferrol, estudar o desenvolvemento da eólica mariña. “(O Goberno) ten agora a oportunidade de demostrar o seu espírito de colaboración con Galicia asinando o Pacto de Estado por Ferrol e asignando fondos europeos para Galicia”, sentenciou.

ÚLTIMAS

Estudantes de Vigo e Monforte álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

O BNG promete ser “a primeira liña de defensa” de Vigo no Parlamento galego, fronte ao “abandono” da Xunta

O BNG trasladou este venres o seu compromiso de ser "a primeira liña de...

O TSXG confirma a sentenza dun xulgado de Vigo que declaraba legal a prórroga do servizo municipal de auga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza ditada en 2022...