A dirección da planta do grupo Stellantis (antes PSA) en Vigo comunicou ao comité de empresa a decisión de estender ao fin de semana a paralización de actividade anunciada para este xoves e este venres debido a problemas de subministración derivados da chamada ‘crise dos microchips (semiconductores).
Segundo confirmaron fontes da empresa, ademais da parada (nos dous sistemas de produción) da quenda de noite deste xoves, e das tres quendas deste venres, a fábrica tamén suspende a actividade do equipo de fin de semana.
Esta medida adóptase debido aos problemas que afectan os provedores de compoñentes que conteñen eses microchips. Eses problemas tradúcense en falta de subministracións na planta de Stellantis, que xa tivo que parar a súa actividade en varias ocasións desde principios de ano por este motivo.
Para afrontar esta incididencia a empresa aplicará aos traballadores os mecanismos de flexibilidade habituais (días de adecuación de xornada e bolsa de horas) e, nos casos de operarios que xa esgotasen estas vías, aplicaráselles o ERTE recentemente acordado co comité (agás CIG e CUT).
Esta medida foi pactada con SIT, CC.OO. e UGT e supón unha regulación dun máximo de 60 días por traballador (que teña contrato indefinido) ata finais de 2021. As xornadas de ERTE complementaranse ata o 80 % do salario bruto (salario segundo convenio e complemento individual), sen que se vexan impactados polos días de suspensión os dereitos de vacacións nin o tempo traballado para os efectos de cálculo da retribución variable..