Veciños de Teis, Chapela e Trasmañó convocan outra manifestación contra a peaxe

Será o sábado 27 de marzo.

Representantes veciñais de Teis (Vigo) / Europa Press.

As asociacións de veciños de Teis (Vigo), Chapela e Trasmañó (Redondela) convocaron para o sábado 27 de marzo unha nova manifestación para reclamar a supresión da peaxe da AP-9 entre Vigo e Redondela, e para esixir a adopción de melloras na contorna da autoestrada ao seu paso por estas parroquias.

A marcha sairá ás 17,30 horas da rotonda das Torres Padín, para acabar no acceso á autoestrada na Avenida de Buenos Aires.

Esta nova protesta pretende esixir ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana que fixe “xa” uns prazos concretos para a liberación da peaxe de Redondela, e para converter en tramo urbano a entrada da autoestrada en Vigo pola parroquia de Teis. Así mesmo, os veciños volven pedir medidas “contra a contaminación acústica”, a mellora dos pasos elevados da Trapa e A Xorxa, e a reposición de viarias e servizos danados en Chapela polas obras de ampliación da autoestrada.

Os veciños lembran que hai partida nos orzamentos do Estado para eliminar esa peaxe e é “incomprensible” que non haxa prazos para executar esa medida que, por outra banda, xa fora anunciada en 2018 polo anterior Goberno, do PP. “Non queremos máis enganos”, engadiron.

Tamén lamentan que, a pesar de que o ministerio anunciou a licitación das obras de reposición en Chapela, os veciños seguen sen coñecer prazos concretos, “despois de tres anos desde que se inaugurou a ampliación da AP-9”. Ademais, tachan de “absurdo” que agora a administración alegue que debe facer estudos para eliminar a peaxe.