PP, PSdeG e BNG esixen a conexión de Vigo á rede de moi alta tensión

Os grupos defenden que mellorará a competitividade da fábrica de Stellantis e lembran que a urbe é a única do seu tamaño que carece do servizo.

Planta de PSA Peugeot Citroën en Vigo / EUROPA PRESS - Arquivo.

O Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade unha iniciativa de impulso do PPdeG para reclamar ao Goberno a construción dunha nova subestación para atender a demanda industrial do polígono de Balaídos de Vigo e a conexión da cidade á rede de moi alta tensión (MAT).

No marco da Comisión de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo, os deputados do PPdeG, o PSdeG e o BNG apoiaron unha proposición non lei ‘popular’ para que a Xunta inste o Goberno a rectificar e incluír na Planificación de Rede Eléctrica para 2021-2026 a construción dunha nova subestación e a conexión da urbe á rede de transporte de 220 kilovoltios que discorre polo Porriño para facilitar unha subministración eléctrica moderna con capacidade para ofrecer estabilidade ao servizo.

A deputada ‘popular’ Teresa Egerique, que defendeu a iniciativa presentada, criticou que o Goberno “renuncie a dar prioridade ao enganche que urxe a fábrica de PSA (do novo grupo Stellantis en Vigo)” para garantir o seu funcionamento ao non incluír a execución desta actuación na planificación para o próximo sexenio despois de quedar pendente na correspondente ao período 2015-2020, durante a etapa de Mariano Rajoy como presidente.

Nesta liña, lamentou que esta planta represente “a única de España” sen este servizo e Vigo a única cidade do seu tamaño que carece do mesmo, o que enmarcou nunha “discriminación” de Galicia en favor do arco mediterráneo.

Ademais, reprobou que a vicepresidenta cuarta e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, non garantise a inclusión destes proxectos na planificación de Rede Eléctrica ao presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, durante a súa recente reunión. Así, apuntou que a Xunta e a planta anunciaron que presentarán alegacións e reprobou que a resposta do Goberno fose “estudarémolo”, pero “sen compromisos nin ataduras”.

Aínda que explicou que o investimento para conectar a cidade coa rede de moi alta tensión situarase nos 70 millóns de euros, remarcou que resulta “moi necesaria” para o crecemento da área industrial de Balaídos, en especial, ante unha planta de Stellantis que “non é competitiva desde o punto de vista enerxético”. Tamén lembrou que o pleno de Vigo aprobou por unanimidade reclamar ao Goberno a conexión da cidade a esta liña e a construción dunha subestación.

BNG SINALA A PP E PSOE

A deputada do BNG Carme González resaltou que, aínda que esta actuación se incluíu na planificación para o anterior sexenio, o anterior Goberno non declarou a circunstancia de excepcionalidade que xustificase a súa necesidade, polo que non se executou. Mentres, sinalou que o Executivo que preside Pedro Sánchez “non só non declarou a excepcionalidade, senón que excluíu (a conexión á rede de moi alta tensión) da planificación”, polo que concluíu que o PP e o PSOE son “culpables” da situación.

Así mesmo, cuestionou a “vontade” do Goberno para incluír este proxecto no novo plan de Rede Eléctrica, xa que “se é xusto” que Vigo dispoña de subestación, “o normal é que se inclúa de oficio (no documento)”. Adicionalmente, recalcou que resalta preciso enganchar o polígono de Balaídos á rede de moi alta de tensión para a industria auxiliar e a fábrica de Stellantis, dado que garantirá a súa “competitividade” e a “estabilidade” do servizo, ademais da súa adquisición a “un mellor prezo”.

PSDEG

Pola súa banda, a deputada socialista Leticia Gallego asegurou que a conexión coa rede de moi alta tensión beneficiará á área industrial viguesa e á cidadanía, xa que permitirá unha subministración “máis fiable” que sufrirá “menos cortes de tensión”. Tamén resaltou que o enganche solicitouse en 2013, polo que o Executivo central ‘popular’ e a Xunta “tiveron seis anos” para promover a súa execución ata o vencemento da anterior planificación.

Neste sentido, acusou o PPdeG “politizar” esta cuestión e confiou en que a Xunta presente alegacións á planificación para permitir a súa modificación, ademais de pór en valor o papel do alcalde de Vigo, Abel Caballero, como “interlocutor” das necesidades da fábrica automobilística ante o Goberno.