Admitido a trámite o recurso dos hostaleiros da provincia de Pontevedra contra o peche temporal do sector

Ao recurso súmase o contencioso-administrativo presentado por hostaleiros e comerciantes para reclamar á Xunta unha indemnización por lucro cesante.

Membros da Federación Provincial de Empresarios de Hostalaría de Pontevedra.

A Sección Terceira do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) admitiu a trámite o recurso interposto polos hostaleiros de Pontevedra contra a medida de peche temporal do sector adoptada o 26 de xaneiro de 2021 pola Consellería de Sanidade.

Tal e como confirmaron fontes xudiciais, o TSXG, “tras devolver o recurso por defectos de forma o pasado 18 de febreiro e recibir a documentación que faltaba, admitiuno a trámite”.

A Federación Provincial de Empresarios de Hostalaría de Pontevedra engadiu que o Tribunal requiriu á Xunta que remita o expediente sobre o que fundamentou a disposición xeral pola que decretou o peche. Ademais, acordou “formar peza separada para estudar a solicitude de medida cautelar” da suspensión do peche temporal.

Este recurso contencioso-administrativo foi presentado pola Federación Provincial de Empresarios de Hostalaría o pasado mes de febreiro contra a decisión da Administración autonómica de manter o peche da hostalaría –o cal mantivo ata o pasado venres, 26 de febreiro–, e para pedir a apertura cautelar do sector hostaleiro.

En relación con iso, o presidente da federación trasladou que o peche temporal “é demasiado lesivo para o sector” e trátase dunha medida que debería ir acompañada de axudas suficientes para “cubrir os danos e prexuízos causados”.

Ao recurso súmase o contencioso-administrativo presentado a pasada semana polos hostaleiros e comerciantes de Pontevedra ante o TSXG para reclamar á Xunta unha indemnización por lucro cesante, en correspondencia coas cantidades que deixaron de percibir en 2020 e 2021 debido ás limitacións aplicadas ao sector con motivo da pandemia.