O BNG pídelle ao PSOE que cumpra co acordo de eliminar a peaxe entre Vigo e Redondela

Critica a "demagoxia e hipocrisía" de PP e PSOE sobre a AP9 e que, segundo o deputado, leva a estes partidos a cambiar a súa postura en función de se se atopan no goberno do Estado ou non.

Peaxe / MN

O BNG lanzou unha campaña para presionar ao Goberno central a que cumpra co acordo de investidura selado entre nacionalistas e PSOE que recollía medidas para rebaixar as peaxes da AP-9, tres partidas (bonificación a usuarios recorrentes, eliminación da peaxe entre Vigo e Redondela e asunción vía PGE dos aumentos anuais durante 20 anos) cuxa aplicación “non hai razón de ningún tipo para que se demore”.

Así se expresou o deputado do BNG no Congreso Néstor Rego en declaracións aos medios en Santigo, onde, acompañado por membros da executiva local e militantes da formación frontista, iniciaron a campaña que ten como obxectivo que o Executivo central “poña canto antes en marcha as medidas acordadas para a baixada das peaxes“.

Segundo Rego, o tres medidas incluídas no acordo de investidura poderían xa estar en vigor desde o 1 de xaneiro, data na que entraron en funcionamento os Orzamentos Xerais do Estado. “Non é aceptable que nesa data, na que xa hai orzamentos vixentes, no canto de anunciarse a baixada de peaxes, o que se anunciou foi que a AP9 era por cuarto ano consecutivo a autoestrada do Estado que máis subía“, incidiu o parlamentario nacioanlista.

Tras lembrar que “a maioría” das autoestradas da xeración da AP-9 son ou quedarán libres ao terminar a concesión nestes anos mentres que en Galicia a concesión foi ampliada ata 2048; Rego urxiu ao Goberno a cumprir cos seus compromisos.

CRÍTICAS AO PSOE e PP

Así, Néstor Rego criticou a “demagoxia e hipocrisía” de PP e PSOE sobre a AP9 e que, segundo o deputado, leva a estes partidos a cambiar a súa postura en función de se se atopan no goberno do Estado ou non.

Como exemplo diso sinalou o voto contrario do PSOE vigués no pleno local a unha moción presentada polo Bloque sobre a AP-9 días despois de que “Gonzalo Caballero dixese no Congreso” que as peaxes da AP-9 “parecíanlle un roubo”.

Por último, o BNG incidiu na súa petición de que a lei para a transferencia da AP-9 ao Goberno autonómico se tramite pola vía de urxencia e, así, poida estar lista antes do verán.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here