O comercio e hostalaría de Vigo saen este luns á rúa pedindo dimisións

O presidente da Asociación Zona Naútico de Vigo, Rubén Pérez, pide "dimisións" por permitir as xuntanzas familiares do Nadal que provocaron a terceira onda.

O portavoz da Asociación de Bares de Lecer Nocturno da zona, Carlos Veleiro, le un manifesto no que denuncia a situación do sector da hostalaría

O presidente da Asociación Provincial de Establecementos Musicais e Espectáculos Regulados (Apemer), Carlos Rodríguez, avanzou que o lecer nocturno prepara a celebración dunha manifestación para o próximo 6 de febreiro en Santiago de Compostela ante a situación “límite” que afronta o sector na comunidade.

Nunha rolda de prensa telemática, explicou que as distintas asociacións do sector acordaron denunciar a súa situación nesta protesta, convocada a nivel autonómico. Ademais, indicou que se solicitou unha reunión co alcalde da capital galega, Xosé Sánchez Bugallo, para abordar os “permisos” precisos para levala a cabo.

Tras “dez meses pechados”, insistiu en que os empregados “ven que as axudas non chegan” por parte do SEPE e a situación do sector é “límite”. Mentres, lamentou que o apoio procedente da Xunta sexa “insuficiente” e que só 280 locais puidesen optar a subvencións para alugueres, cando en principio se barallou que chegarían a 800.

Tamén, reprobou que o mantemento do emprego sexa un condicionante para aplicar ERTE, o que, ao seu xuízo, pode derivar en ERE de extinción nas empresas do sector. Ademais, criticou que o Concello de Vigo e o Goberno insistan en que debe ser o Executivo galego o que apoie ao sector en lugar de axuntarse co mesmo.

MANIFESTACIÓN EN VIGO

Ante esta situación, sinalou que o lecer nocturno tamén apoiará unha manifestación convocada para este luns pola hostalaría e o comercio de Vigo. En concreto, a marcha partirá ás 10,30 horas da Delegación Territorial da Xunta, tras o que percorrerá a cidade ata a praza de España.

A este respecto, o presidente da Asociación Zona Naútico de Vigo, Rubén Pérez, sinalou que é momento de que as administracións mostren “se apoian ou non apoian” aos sectores máis afectados pola pandemia tras “quedar debidamente demostrado que non son o problema”. Na mesma liña, detallou que celebrará un minuto de silencio diario ás 12,00 horas para denunciar esta situación.

Así mesmo, reprobou que “ninguén asumise responsablidades da apertura do espazo perimetral” durante as festas do Nadal, o que, ao seu xuízo, causou a terceira onda. Así, considerou que se debe producir un cesamento ou unha dimisión debido á autorización de reunións familiares a pesar da situación epidemiolóxica da comunidade en decembro.

MANIFESTACIÓN EN SANTIAGO

Por outra banda, este venres, membros da asociación de Hostalaría Compostela participaron nunha acción de protesta no Camiño Novo, na que pararon momentaneamente a saída dos autobuses para denunciar o “trato discriminatorio” que sofren os seus establecementos con respecto a outros lugares onde se concentran persoas, como o transporte de viaxeiros.

A asociación critica que a hostalaría “soporta as medidas máis duras” para tratar de conter ao virus, “mentres outros sectores poden seguir traballando en condicións que distan moito das recomendacións das autoridades sanitarias”.

Please wait while you are redirected...or Click Here if you do not want to wait.